1º de Maio: Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro
"Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro", é o lema baixo o que a CIG conmemora este 1º de Maio, Día internacional da Clase Obreira.
A Internacional
Letra orixinal: E. Pottier, 1871 | Música: P. Degeyter, 1888 | Versión galega: Henrique Harguindey, 1969 | Voces: Tania Redondo, Paula González e Daniela Sueiras.
Manifesto
A Covid-19 ataca a poboación en xeral, pero o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, non afecta por igual a todas ás clases sociais. Hoxe existen grandes niveis de desigualdade económica e inxustiza social, que son consecuencia das devastadoras políticas neoliberais aplicadas desde a crise financeira.
A crise sanitaria converteuse nunha crise económica e social. Ten lugar nun momento no que xa estabamos dentro dunha recesión económica, polo que non podemos permitir que desta nova crise neoliberal este sistema pretenda recuperarse do seu fracaso, de tanta adoración do privado e criminalización do público, cun novo saqueo á clase traballadora.
En Galiza afrontamos esta realidade cando estabamos de cheo nunha crise social, industrial, demográfica que xa de por si tiña o impacto dunha situación de emerxencia nacional e social.
Ante este panorama, temos que denunciar que a xestión da crise sanitaria polos Gobernos galego e español vai na dirección contraria a unha saída xusta para a clase traballadora e para o pobo galego.
Por riba, todos os decretos de estado de alarma aprobados deixan en suspenso as xa de por si limitadas competencias e capacidades de Galiza, pero esta recentralización a favor de Madrid serve de escusa perfecta ao Goberno de Feixoo para tapar o seu proxecto ruinoso para o noso país, baseado nun modelo dependente e antigalego, reaccionario e privatizador da sanidade pública e da atención ás persoas maiores. Nesta crise xoga a ampliar o caos, o abuso patronal e a inseguridade para quen traballa, ao tempo que fai anuncios de medidas que só responden ao seu obsesivo interese electoralista.
Feixoo fai electoralismo coa crise
Cómpre denunciarmos que Feixoo tamén favoreceu co atraso da aprobación dos ERTE que as persoas traballadoras non puidesen cobrar en abril. E que agora quere aparecer como salvador ofrecendo créditos a quen lle negou o cobro do salario, demostrando así o miserábel que é facendo electoralismo co pan das traballadoras/es e as súas familias.
En calquera caso, a día de hoxe, as medidas tomadas polos diferentes gobernos teñen demostrado unha maior e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da poboación. Así o vimos cando se negaron a parar todo, agás as actividades esenciais, pola emerxencia sanitaria, ou no escaso control para garantir un traballo en condicións seguras para os sectores en activo.
Ademais, nesta crise viuse, unha vez máis, que as profesións feminizadas resultaron servizos esenciais e imprescindíbeis para o sostén da vida, pero seguen a estar desvalorizadas, desenvolvéndose en condicións de precariedade e inseguridade.
Letra da Internacional
En pé os/as escravos/as da terra,
en pé os/as que non teñen pan;
a nosa razón forte berra,
o triunfo chega en volcán.
Crebemos o xugo do pasado,
pobo de servos/as, ergue xa,
que o mundo vai ser transformado
e unha orde nova vai reinar.
Axuntémonos todos/as,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.
Axuntémonos todos/as,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.
Non hai salvadores supremos,
nin rei, nin tribuno, nin deus,
temos que salvarnos nós mesmos/as,
o Pobo Traballador.
Para que nos devolvan o roubado,
para derrubar esta prisión,
batamos no lume sagrado,
ferreiros/as dun mundo mellor.
Axuntémonos todos/as,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.
Axuntémonos todos/as,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.