Protestas e paros na empresa Ganomagoga en Ponteareas e Mos para reclamar o pago íntegro dos salarios

As medidas de presión comezaron onte e prolongaranse en principio até o 3 de marzo
Ponteareas/Mos - 23 Feb 2023

O cadro de persoal de Talleres Ganomagoga en Ponteareas e Mos está a desenvolver un calendario de mobilizacións e de paros parciais para denunciar os incumprimentos no pago de salarios e reclamar o abono inmediato das débedas pendentes. A empresa iniciou os contactos coa representación sindical para poñer en marcha un procedemento de ERTE que aínda non arrincou.

 

Segundo explican dende o comité de empresa, presidido pola CIG, as medidas de presión comezaron onte cun paro parcial entre as 13:00 e as 17:00 horas, tempo no que os traballadores/as aproveitaron para desenvolver concentracións diante das instalacións da compañía en Ponteareas. Está previsto que os paros e as protestas continúen no mesmo horario este venres 24 tamén en Ponteareas e o luns 27 e os días 1 e 3 de marzo, estas últimas en lugares aínda por determinar.

Con estas mobilizacións o cadro de persoal -integrado por entre 120 e 140 traballadores/as- quere denunciar os incumprimentos no pago dos salarios e reclamar o abono do 20% do soldo de xaneiro que a compañía aínda non lles ingresou. Os problemas coas nóminas remóntanse a decembro, cando Ganomagoga deixoulles a deber entre un 10 e un 15% do salario e as horas extras. En xaneiro satisfixo esta débeda pero pagou menos da metade da nómina, cantidade que aumentou semanas despois até o 80%, polo que na actualidade a débeda é do 20% do soldo.

A empresa xustifica o que está a acontecer aludindo á delicada situación económica que atravesa, xa que os beneficios rexistrados nos anos 2020 e 2021 deron paso a perdas en 2022, supostamente polo aumento dos custes da electricidade e das materias primas. Isto levou á compañía a estudar a posibilidade de presentar un ERTE.