Protesta no CIS de Ferrol para esixir o compromiso claro da Xunta na defensa da comarca
Representantes sindicais e delegados/as de persoal concentráronse este martes diante do CIS da Cabana (Ferrol) para esixir do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, un compromiso claro na defensa das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e demandar a creación da mesa de traballo para a reindustrialización e a reactivación económica, na que estean representadas todas as administracións e axentes sociais, que as centrais sindicais veñen reclamando dende hai case un ano.
A protesta desenvolveuse con motivo da visita de Feijoo a Ferrol para participar no acto de inauguración do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena) impulsado pola empresa Siemens en colaboración con Navantia. "A Xunta de Galiza non pode seguir mirando cara a outro lado e botar as culpas a outras administracións", aseveraba o secretario de Organización da CIG de Ferrol, Xoán Galdo, durante a concentración, quen acusou á Xunta de "claro abandono e deixamento das súas competencias en materia de industria e política de emprego".
O abandono que sofren estas comarcas queda ben patente se temos en conta que Siemens e Navantia acordaran nun primeiro momento levar o centro de excelencia a Compostela, malia ser un proxecto vinculado directamente coa actividade produtiva nos estaleiros da ría de Ferrol, que supón un pulo á I+D+I e reforzar a aposta no desenvolvemento da enxeñaría (como alto valor engadido da empresa).
Galdo criticou que a única resposta á profunda crise industrial, económica, social e demográfica na que está sumida a comarca foi a presentación do 'Pacto de Estado por Ferrol', co que o PPdeG pretende quitar rédito político desta situación, pero que non é máis que un documento de deberes para outras administracións que non trae consigo nin unha soa partida económica nin solucións no inmediato.
Neste senso, denunciou a desidia do Goberno galego co principal motor da comarca, o naval, posto que hai dez anos se aprobaron unhas partidas orzamentarias para a posta en marcha do dique de reparacións, pero a día de hoxe non hai nada avanzado.
O secretario comarcal de Organización denunciou tamén o desleixo do goberno español que segue sen responder ás solicitudes de xuntanzas trasladas hai meses polas centrais sindicais para abordar as medidas e solucións concretas no curto prazo e falar de proxectos e políticas de futuro, especialmente nas dúas problemáticas máis urxentes: garantir unha transición enerxética realmente xusta e dotar de carga de traballo e investimentos os estaleiros da ría.