Protección social e traballo decente dependen do alivio das débedas

Eduardo Camin - 26 Out 2023

A fenda é enorme entre o discurso do Banco Mundial (BM) e o Fondo Monetario Internacional (FMI), e a realidade das súas accións. Os verdugos da economía mundial están nas antípodas da xustiza social e o traballo decente, os feitos falan por si sós: unha cousa é o discurso e outra a realidade

 O Director Xeral da Organización Internacional do Traballo (OIT), Gilbert F. Houngbo, pediu acelerar a asistencia aos países en desenvolvemento con problemas de débeda, de maneira que poidan continuar financiando a protección social e o traballo decente.

 En declaracións realizadas na reunión do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, que se celebrou en Marrakech (Marrocos), Houngbo subliñou que cómpore facer máis para facer fronte aos limitados recursos financeiros dos países en desenvolvemento mediante a reestruturación e o alivio adicionais da débeda e a reforma do sistema financeiro mundial

 Así mesmo, engadiu que nos países de ingresos baixos e medios a OIT non prevé melloras rápidas no emprego antes de 2025. «A situación fiscal dos países de baixos ingresos require especial atención, xa que o endurecemento das políticas monetarias nas economías avanzadas está a afectar gravemente ás súas balanzas exteriores, aumentando a vulnerabilidade da súa débeda. Isto, combinado co aumento dos prezos dos alimentos e a enerxía, reduce considerabelmente a marxe de gasto dos gobernos en investimentos sostíbeis e protección social», declarou Houngbo.

 Ante o Comité de Desenvolvemento do Banco Mundial, apoiou a súa argumentación citando un informe da ONU de xullo de 2023 segundo o cal 3.300 millóns de persoas viven actualmente en países que gastan máis no servizo da débeda que en educación ou sanidade.

 «Para evitar que a carga da débeda siga a obstaculizar o desenvolvemento sustentábel, débese ter máis en conta o papel dos investimentos en capacidades humanas e produtivas nas avaliacións de sustentabilidade da débeda e nos mecanismos de resolución da débeda. Isto non só apoiaría os países na súa transición, senón que tamén axudaría a (re)crear as condicións para a estabilidade macroeconómica e a transformación económica ao longo do tempo», afirmou.

 O Director Xeneral dixo aos delegados que o Acelerador Mundial das Nacións Unidas para o Emprego e a Protección Social para Transicións Xustas  -posto en marcha en setembro de 2021 polo Secretario Xeral de Nacións Unidas, António Guterres- ofrece unha solución de tres pasos para estas cuestións: crear estratexias e políticas nacionais para o emprego e a protección social que faciliten transicións xustas; combinar o financiamento nacional e internacional; e mellorar a cooperación internacional.

 «Os bancos multilaterais, bilaterais e públicos nacionais de desenvolvemento e o FMI poden apoiar o Acelerador Global contribuíndo ás follas de ruta nacionais dos países pioneiros que teñen como obxectivo definir puntos de entrada prioritarios nacionais e estratexias de financiamento sostíbeis (…) poden estabelecer obxectivos de impacto social máis ambiciosos para incentivar máis proxectos que contribúan aos obxectivos do Acelerador Global», afirmou Houngbo.

 Nas súas declaracións escritas ante o Comité Monetario e Financeiro Internacional do FMI e o Comité de Desenvolvemento do Banco Mundial, sinalou que a falta de investimento en protección social segue a ser unha das principais razóns dos baixos niveis de cobertura.

 «Existen múltiplas opcións para crear e ampliar o espazo fiscal para a protección social. Con todo, as principais fontes de financiamento deben ser as fontes regulares nacionais, como os impostos progresivos e as cotizacións sociais, dado que os compromisos dos sistemas e pisos de protección social son a longo prazo», afirmou.

 «É fundamental que os países desenvolvan programas para formalizar o emprego, as empresas e as transaccións económicas, así como as institucións necesarias para recadar impostos e cotizacións sociais». Houngbo tamén fixo fincapé en que unha resposta decisiva ao cambio climático esixe enfoques coherentes e marcos políticos integrais, tamén no sector privado.

 «A acción climática, se se xestiona axeitadamente, pode xerar máis e mellores postos de traballo. Tanto a adaptación como a mitigación ofrecen oportunidades para crear novos postos de traballo e empresas, á vez que se aseguran os xa existentes», declarou ante o Comité.

 «Podemos esperar a creación de moitos millóns de postos de traballo adicionais nos próximos anos e décadas, sempre que se amplíen adecuadamente os programas de educación e capacitación, se poñan en marcha programas de desenvolvemento da man de obra e se perfeccionen as medidas do mercado laboral en función da evolución das necesidades», aseverou.

Os novos sofistas, malabaristas da oratoria

 Insistimos en que estes compromisos están destinados ao fracaso, xa que a fenda é enorme entre o discurso do BM e o FMI, e a realidade das súas accións. Os verdugos da economía mundial están nas antípodas da xustiza social e o traballo decente, os feitos falan por si sós: unha cousa é o discurso e outra a realidade.

 O dominante paradigma de desenvolvemento que promocionan estes organismos descansa no absolutismo dun crecemento incesante da produción de bens e servizos cuxa finalidade última é o consumo desmedido, baseado no profundamento das forzas “invisíbeis” e “libres” do mercado, no cal se espera que irradien a toda a sociedade estándares de consumo e niveis de ingreso superiores ás necesidades básicas. Este tipo de desenvolvemento produciu unha realidade moi diferente á postulada polo modelo: desigualdade social e entre xéneros, violencia, destrución do ambiente e contaminación son algunhas dos seus principais características.

 Desde hai moito tempo existe unha disputa ideolóxica e política sobre o novo rol do Estado. Baixo o contexto das reformas estruturais e os procesos de axuste, impostos polo BM e o FMI, a redución do tamaño do Estado ía e vai frecuentemente acompañada pola menor asignación de recursos para os chamados “gastos sociais” (educación, saúde, vivenda, seguridade social).

 Calquera intento de propugnar unha xestión pública do orzamento máis sensíbel cara ás necesidades sociais urxentes, era e é vista como sinónimo de intervencionismo estatal e de suba inflacionaria. Manter baixo control o déficit fiscal foi desde aquela o cabalo de batalla dos tecnócratas, calquera fose o réxime político, o que agocha unha preocupación central -a cara oculta da moeda- de asegurar para o capital unha taxa de ganancia e brindar condicións para o investimento, como mecanismo sine qua non da ansiada integración dos estados na globalización.

 En realidade, o conservadorismo mediocre que impregna os poderes gobernantes do planeta desenvolveu un esforzo singular por erradicar da face da terra a nosa capacidade de xerar pensamento crítico e de formular, de crer e de nos atrever a crear horizontes alternativos e metas intelixentes, alleas aos paradigmas do fatalista «pensamento único».

 Curiosamente, ese pensamento único que pregoou a fin da historia e que enguliu a varias ideoloxías no seu camiño, é o que desenvolve o pragmatismo oportunista e sistémico, o individualismo descarnado e forrado de verborrea pseudolibertaria, ou o egoísmo inescrupuloso e cínico, feitos canons de conduta socialmente plausíbel.

 Se cadra por iso é polo que vivimos en países cada vez máis inxustos e indiferentes, cada vez máis pobres e abusivos, cada vez máis perigosos. Neste escenario, promóvese o rexeitamento á capacidade de pensar con sentido crítico e independente, criminalízase o feito de protestar ou de se rebelar, vétase o atrevemento de «ir máis aló» do permitido ou de actuar en concordancia con principio ético-moral algún que non sexa daqueles promovidos e aceptados por un sistema completamente controlador.

 A vida humana queda reducida, así, a un camiño teledirixido, onde o condutismo do poder lles sinala aos seres humanos os camiños de autocompracencia, pasividade e conformismo por onde pode camiñar e dos cales non se deben desviar.

 Así como nos situamos no marco dos organismos internacionais para a resolución dos problemas que nos incumbe directamente, moitos prefiren un diagnóstico incerto que sexa técnico, mentireiro pero xenial, a un coa simpleza e rusticidade do simplemente certo.  E é por iso polo que, se un economista nos di que a causa da crise é a burbulla financeira, a estanflación, a crise crediticia, as guerras ou o medio ambiente…, e un campesiño apenas alfabetizado dinos que a causa é a cobiza do home, é este último quen está máis preto da verdade.

 O primeiro está a nos dar un argumento tautolóxico, pois dicir que a causa dunha crise son unha serie de crises, é dicir, conceptos que son crises en si, é como dicir que a causa da deforestación é a tala de árbores, ou que a causa do perigo de extinción dun animal é a caza do home.

 E precisamente estes dous exemplos comparten causa coa crise económica: a cobiza. Mais semella que nestes tempos tan modernos (como calquera tempo) non se deben reducir as causas dos problemas a reflexións helénicas ou primarias, a consideracións sobre os fundamentos e a iniquidade do home.  Algúns parecen buscar o elo perdido entre os vicios do home e as súas consecuencias na economía ou a política, e aínda hai intelectuais que encontran estúpido, ordinario e escasamente intelixente o culpar as persoas e os seus defectos antes que o sistema socioeconómico en si, como se este fose independente das persoas.

 Nas condicións actuais, é crucial ofrecer opcións, unha perspectiva concreta de desenvolvemento social eficaz que tire pola borda as receitas inútiles propostas por unha pequena pero poderosa minoría de grandes intereses globais, aferrados ao dogma da economía de mercado único, e aplicadas con resignación fatalista polas elites gobernantes «nacionais».

 Ese é o gran desafío: ofrecer un cambio de rumbo que esperte a conciencia cidadá e poña en marcha as potencialidades desaproveitadas da sociedade civil para edificar países menos inxustos, máis democráticos e soberanos, capaz de decidir por si mesmos os seus propios intereses, sen medo nin ambigüidades. A propia ONU advírtenos que 3.300 millóns de persoas viven actualmente en países que gastan máis no servizo da débeda que en educación ou sanidade.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 13 de outubro de 2023]