Prosetecnisa continúa cos atrasos no pagamento das nóminas ao seu persoal por terceiro mes consecutivo
Por terceiro mes consecutivo, os traballadores e traballadoras de Prosetecnisa, empresa do sector da seguridade privada, están sufrindo atrasos no cobro das súas nóminas. O atraso afecta a todos os centros de traballo de Galiza, a maioría deles na provincia da Coruña. Entre outros, Prosetecnisa encárgase dos servizos de vixilancia de acceso en Reganosa, Gadis e Forestal del Atlántica e leva tamén a vixilancia no CHUO en Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.
Prosetecnisa xa fora denunciada ante a Inspección de Traballo no mes de agosto pola CIG debido aos retrasos acumulados nos pagamentos das nóminas que se estaban a producir o mes de xullo. A demora no abono dos salarios, explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos, "non foron xustificados de ningunha forma por parte da empresa a pesar das reiteradas peticións de información realizadas pola CIG no comité onde ten representación".
Falta de información clara
A isto hai que engadir os rumores que están a lanzar os sindicatos USO e UGT sobre a posíbel adquisición dos servizos que a empresa ten en Galiza por parte dunha empresa valenciana con dubidosas conexións políticas, que conta con 100 traballadores e traballadoras, todos/as eles/as en Valencia.
Rodríguez critica o tratamento de información levado a cabo pola empresa e os sindicatos UGT e USO dende Madrid, "tinguido dun escurantismo sospeitoso que nos fai pensar que sempre resulta máis fácil dar información a sindicatos de acción limitada e tímida que darlle información fiábel e consistente aos representantes legais das persoas traballadoras na súa totalidade".
Neste contexto, a empresa emitiu recentemente un comunicado dando fin aos rumores onde explica o acordo de cesión de servizos subscrito coa empresa GFS SECURITY GROUP coa intención de garantir a estabilidade no aboamento de salarios.
A CIG-Servizos e a súa representación en Prosetecnisa mostran a súa disposición para acadar unha solución que beneficie as persoas traballadoras afectadas pola actual situación, tendo como claro obxectivo atopar unha empresa economicamente solvente, con experiencia contrastada no sector, e coa capacidade suficiente de xestión, dado o volume de negocio en xogo, para facerse cargo dos servizos de seguridade que ten a empresa no País.
De igual xeito, a central rexeita enerxicamente os movementos dunha empresa "que amosou nos últimos meses a súa verdadeira faciana, demostrando que o que menos lle importa é a estabilidade do seu persoal, vendéndoo á primeira de cambio a unha empresa que descoñece absolutamente a realidade do mercado de traballo de aquí, e cos problemas que carrexa ter a sede a case mil quilómetros do país no que se traballa".