Prosetecnisa segue sen pagar os salarios e a súa sucesora, GFS, reprime o persoal por reclamar o seus dereitos
Os traballadores e traballadoras que prestan os servizos de control de acceso e seguridade en Reganosa, Gadisa, Forestal del Atlántico e nos hospitais do complexo universitario de Ourense (Ourense, Verín e O Barco) seguen sen cobrar a nómina de setembro e a liquidación que lle tocaba abonar a empresa saínte, Prosetecnisa, mentres que a súa sucesora, GFS Security Group, ademais das irregularidades no proceso de subrogación e incumprimentos varios, está a aplicar unha política de represión contra o persoal por reclamar que se respecten os seus dereitos.
Por iso, despois das mobilizacións realizadas en Mugardos diante de Reganosa e Forestal e en Ourense, diante do centro hospitalario, o persoal continuará coas protestas para exixir o abono dos salarios adebedados, exixir o cese da persecución e que o cumprimento da legalidade por parte de ambas empresas. Así o próximo xoves, 17 de novembro, ás 11:00h, vanse concentrar no Polígono de Piadela, en Betanzos, no acceso ás instalacións de Gadisa.
Aos continuos intentos de fraude cometidos pola empresa entrante, GFS Security Group respecto das actas de entrega de EPI, a formación, e a presunta falsificación documental nos certificados de normativa ISO entregados a Prosetecnisa no proceso de cesión de servizos entre amabas compañías, hai que sumarlle os ataques contra o persoal das últimas semanas.
GFS afonda nos incumprimentos e as ilegalidades
A CIG-Servizos de Ferrol tivo coñecemento da entrega de tres comunicacións formais a tres traballadores (un deles membro do comité pola CIG) nas que GFS manifesta ter que afastar do servizo de control de accesos a estas tres persoas por unha suposta perda de confianza do cliente (neste caso Reganosa), indicándolles que gozarían dunha licenza retribuída até nova comunicación.
"Pero dende o 17 de outubro que recibiron o escrito, estes compañeiros continúan a esperar unha nova comunicación da empresa onde se esclareza a situación na que están e que determinación se vai tomar contra eles", explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.
A isto hai que sumarlle que no primeiro recibo de nómina confeccionado por GFS, a empresa non está cumprindo cos dereitos adquiridos polo persoal, "deixando de pagar no primeiro mes máis de 7000 euros, abundando así nos impagamentos xerados por Prosetecnisa, a cal xa entregou os recibos de liquidación pero continúa sen pagar as cantidades adebedadas".
Estas novas débedas súmanse ás contraídas por Prosetecnisa, que só na provincia da Coruña ascenden a máis de 250.000 euros.
Para a CIG-Servizos "non pode ser casualidade que todos este movementos feitos por GFS aconteceran logo de que a CIG comezara a denunciar actitude da empresa e despois das denunciadas presentadas na Fiscalía por presunta falsificación documental durante o proceso de cesión de servizos entre compañías".
Por enriba, subliña Rodríguez, GFS "continúa na súa deriva de ilegalidade con prácticas como non entregarlle os EPI ao persoal, e, no canto diso ingresar 25 euros por persoa para que merquen as botas de seguridade que estimen oportunas, e todo isto sen consultar absolutamente nada coa representación legal do persoal".