Prosegue o peche na sede de Inditex ante a negativa da empresa a retomar a negociación provincial
72 horas despois de iniciar o peche na sede de Inditex, unha representación da multinacional dirixiuse ás compañeiras das tendas para informarlles que van reabrir a negociación provincial, incumprindo así o compromiso acadado en decembro de retomar a mesa provincial da Coruña. A escusa que pon a empresa é que xa hai unha negociación en Madrid e que o sindicato maioritario no Estado non o 'permite'. Un argumento absurdo que as delegadas da CIG rexeitan por canto supón ignorar a representación legal das traballadoras/es da provincia da Coruña.
Na mañá deste luns, un grupo de traballadoras e membros da Unión Comarcal da CIG da Coruña achegáronse até o polígono de Sabón para trasladarlle o seu apoio e solidariedade e proporcionarlle víveres.
As compañeiras, que permanecen pechadas dende a mañá do pasado venres, reivindican retomar a negociación de ámbito provincial -tal e como a multinacional se comprometeu por escrito coa CIG- e abordar aquelas cuestións laborais e sociais que ficaron pendentes, e que, reiteran, só afectan á provincia da Coruña.
As delegadas inciden en que as propostas que a empresa levou á mesa estatal non teñen impacto nas condicións laborais e sociais das traballadoras da provincia, e insisten en que só demandan os mesmos dereitos que xa teñen os compañeiros e compañeiras doutras empresa do grupo como antigüidade, axudas sociais, bono comedor, redución de xornada por idade, calendarios, permisos etc. E xunto a isto, avanzar na equiparación das condicións entre todas as cadeas de tendas. Unhas demandas máis que xustificadas nunha multinacional que gaña miles de millóns de beneficios e está acadando cifras históricas de vendas.
Por iso, denuncian o menosprezo que significa para o conxunto das dependentas da provincia a actitude de Inditex, tanto pola súa negativa a sentar a negociar unhas reivindicacións lexítimas como polo ninguneo e o pasotismo co que está tratando á representación legal das traballadoras.
Lembran que a CIG leva anos reclamando estas melloras e que a decisión de levar as negociacións a Madrid só responde ao interese de Inditex de deixar sen efecto a capacidade de loita que as traballadoras da provincia evidenciaron nas históricas mobilizacións de hai dous anos e buscar un marco no que a central nacionalista non sexa a forza maioritaria.
Diante disto, e a pesar das dificultades e o esforzo persoal que carrexa, as compañeiras están dispostas a continuar co peche e xa avanzan que as mobilizacións en defensa do dereito a negociar aquí as condicións de traballo proseguirán adiante. Neste camiño, xa está convocada unha folga nas tendas de Inditex da provincia para o vindeiro 27 de xuño, coincidindo co inicio do período de rebaixas.