Prorrogar o estado de alarma sen resolver as inxustizas que provoca supón castigar a clase traballadora pola crise sanitaria
A CIG considera unha temeridade a decisión aprobada hoxe o Congreso dos Deputados e Deputadas de prorrogar o estado de alarma sen corrixir, outra vez, as cativas e inxustas medidas económicas e sociais acordadas e sen adoptar os mecanismos necesarios para facelas efectivas, o que está a provoca un efecto devastador na clase obreira.
» A CIG chama a unha xornada de protesta o 10 de abril
Para afrontar o estado de alarma, o Goberno español baseou a súa estratexia laboral na vía de facilitar a aplicación de expedientes de regulación temporal, asegurando publicamente, tras comprobar a magnitude da medida e o colapso inevitábel do SEPE, que todos os traballadores e traballadoras percibirían en tempo o ingreso da súa prestación.
"Esta promesa bate de fronte cunha realidade, que os servizos públicos de empregos son incapaces de xestionar o volume de expedientes que lle chegan, non conseguen dar de alta no sistema a toda as persoas que agora, á incerteza polo futuro do seu emprego, teñen que sumar a incerteza de non saber cando poderán cobrar a súa prestación", advirte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Neste senso, critica que pretender darlle utilidade á reforma laboral para enfrontar o actual contexto supón dar paso "a unha brutal sangría de desemprego e de destrución de postos de traballo". Os propios datos do paro rexistrado demostran que se actuou "sen piedade" contra os traballadores e traballadoras máis precarizados (temporais, contratados a través de ETTs ou empresas multiservizos), a quen o Goberno segue sen ofrecer alternativa nin solución que lles garanta emprego e poder ter uns ingresos dignos.
Ademais, o estado de alarma prorrógase sen contemplar a continuidade da paralización da actividade non esencial, facendo así prevalecer o interese do capital fronte á saúde das traballadoras e dos traballadores. "E todo isto prodúcese en ausencia das medida mínimas de seguridade para quen ten que traballar nin control ante a falta das mesmas", critica.
Faltan políticas públicas a favor das maiorías sociais
Carril reitera que, de terse aplicado, como propuxo a CIG desde o primeiro día, un permiso retribuído por deber inescusábel e de terse creado un fondo público de compensación para as empresas, "a solución sería máis xusta para a maioría social e evitaríase o actual caos".
Por iso, fronte á orientación neoliberal, Paulo Carril defende a necesidade de levar adiante políticas públicas a favor das maiorías sociais, para que se garanta a protección social plena sen exclusións, emprego, salarios e ingresos dignos garantidos para toda a clase obreira. Neste senso, avoga por conseguir financiamento público pola vía de modificar a carga fiscal cara as grandes empresas, as grandes fortunas, ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas (como a banca ou as eléctricas) para financiar as medidas extraordinarias de acordo cos principios de igualdade e progresividade.
O Goberno de Feixoo abandona as súas competencias
De igual xeito, o secretario xeral da CIG critica o abandono de funcións practicado polo Goberno de Núñez Feixoo, negándose a exercer as competencias que ten Galiza e aplaudindo a suspensión do autogoberno decretado polo Goberno español. Un Feixoo, lembra Carril, que é responsábel da dramática situación, en canto á falta de persoal e de medios, que se dá na sanidade pública e nas residencias de maiores, de menores e de atención á discapacidade; e que nada ten feito para garantir a seguridade do persoal dos servizos da limpeza, nos que se rexistra unha escandalosa ausencia dos medios de protección básicos.
Salienta Carril que "durante anos o PPdeG aplicou políticas de recortes e desmantelamento dos servizos públicos esenciais para favorecer o negocio de empresas privadas piratas (até o punto de que hoxe só o 25% das prazas nas residencias son públicas), tendo agora que derivar máis cartos públicos a estes sectores, ante a manifesta incapacidade das empresas para garantir a saúde de residentes e traballadores/as".
O seu goberno tamén é responsábel, continúa, da liberalización dos horarios comerciais e de favorecer a apertura das grandes áreas que hoxe laminan o comercio galego e que teñen o seu persoal traballando sen protocolos claros de actuación en caso de contaxio por coronavirus e sen que se realicen os controis necesarios para evitalo, mentres amasan inxentes beneficios.
"Ante tanta inxustiza, improvisación e incompetencia dos Gobernos español e galego, temos que recuperar o noso autogoberno e avanzar na nosa capacidade de decidir, porque a saída desta crise non pode ser a conta de empobrecer, aínda máis, a clase traballadora", asevera.
Cazolada o venres 10 para #QueEscoiten
A CIG anima a participar na cazolada dende as fiestras que ten convocada para este venres, 10 de abril, ás 12 horas, para reivindicar medidas de protección social reais e plenas, ingresos dignos e seguridade para as traballadoras e traballadores dos sectores en activo.
Máis información sobre a convocatoria nesta ligazón: