Propostas para garantir a solvencia do peto das pensións

Nacional - 08 Xul 2024

Na última reunión da Comisión de Seguimento do Fondo de Reserva da Seguridade Social a CIG incidiu na necesidade de que o sistema volva dotarse cos excedentes das entidades xestoras e puxo enriba da mesa as súas propostas para garantir a solvencia do denominado “peto das pensións”.

Dende o ano 2023, o Fondo nútrese dos ingresos do mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI) e dos excedentes das mutuas, de maneira que son as propias persoas traballadoras, mediante a redución dos seus salarios coas cotizacións, as que teñen que facer as achegas sen atenderse a outras ineficiencias do sistema. 

As sucesivas reformas laborais debilitaron o sistema público de pensións e dificultaron o acceso a unha xubilación digna

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, que participou na reunión en representación da CIG, advertiu que aínda que medra a contratación, os gastos do sistema seguen a ser maiores que os ingresos “porque a mala calidade do emprego que se está a crear impide trasladar recursos mediante cotizacións. Mellorar os salarios e, polo tanto, as cotizacións, é a única maneira de garantir os ingresos á Seguridade Social”.

Propuxo varias medidas para que o sistema volva ser excedentario “como o era antes da crise”. A primeira, o cumprimento da Carta Social Europea con respecto ao SMI, que ten que ser o 60% do salario medio no Estado español, polo que habería que elevalo até os 1.293€/mes. Xunto a isto, rematar coas horas extras non retribuídas, que na actualidade se cifran en 2,5 millóns á semana, e aumentar as cotizacións do tipo xeral para desincentivar a parcialidade no emprego.

A respecto da aplicación dos plans de pensións de emprego na negociación colectiva e da privatización do sistema público de pensións, a CIG preguntou se o Ministerio ten cuantificado cal vai ser a perda de ingresos derivada da privatización dunha parte dos ingresos da clase traballadora para investir no capital privado.

“Reclamámoslle tamén accións para paliar a perda de emprego producida pola dixitalización e robotización da economía, e os efectos que poida ter na cotización, no sentido de que ese aumento da produtividade ten que supoñer un cambio nas cotizacións das empresas que destrúan emprego para que o sistema non se veña penalizado”, apuntou González Sío.

Denunciou que as sucesivas reformas laborais debilitaron o sistema público de pensións e dificultaron o acceso a unha xubilación digna, tanto en contía como en idade.