Propostas da CIG para unha nova lexislatura

Nacional - 02 Xul 2018

A CIG defende a necesidade de non demorar nin un só minuto a posta en marcha de iniciativas para recuperar os dereitos roubados á clase traballadora, frear o recorte de liberdades fundamentais e dar un xiro radical as políticas neoliberais que nos levaron a que hoxe en día ter un traballo ou unha pensión non garantan vivir en condicións dignas. É preciso avanzar un calendario para a derrogación inmediata de todas as reformas, pois canto máis tempo estean vixentes máis se afianzará a precariedade e a pobreza laboral.

Co obxecto de transmitir as propostas en materia laboral e social de cara á nova lexislatura, a CIG ten solicitada unha xuntanza coa ministra de Traballo, Magdalena Valerio, para demandar que se atendan as nosas reivindicacións. Como apuntou o secretario xeral, Paulo Carril, a CIG traslada esa solicitude "facendo valer toda a forza acumulada no intenso proceso mobilizador desenvolvido dende o pasado ano".

Mais a CIG non vai agardar de brazos cruzados a chegada deses cambios, "senón que sairemos á rúa a buscalos, como sempre fixemos", na confianza plena de que a forza da mobilización social será a que consiga que se adopten políticas alternativas, que o novo Goberno faga reais esas mudanzas e que poidamos avanzar na conquista dos dereitos.

Análise axeitada

A CIG aposta duro e con valentía por virar a realidade e fronte á situación de emerxencia nacional, laboral, social, política e institucional, convocou folga xeral, a que outras organizacións non se atreveron a facer, para o 19 de xuño. Unha folga xeral entendida tamén como a moción de censura da clase traballadora galega ante o que estaba a pasar. A caída do Executivo de Raxoi demostrou que a análise da CIG no momento de convocar a folga era a axeitada.

Co mesmo convencemento e responsabilidade, a central suspendeu a convocatoria, chamando a unha xornada nacional de loita para ese día, mais en disposición de retomala se o Goberno do PSOE e a correlación de forzas que o fixo posíbel non encetan as medidas necesarias para reverter todas as reformas que nos levan a unha situación social sen saída.

Medidas en materia laboral e social que pasan inevitabelmente por:
  • Derrogar as reformas laborais que nos explotan e precarizan
  • Conseguir avances reais para as mulleres
  • Defender as pensións públicas e o seu poder adquisitivo
  • Rematar cos abusos da patronal e recuperar os salarios
  • Frear as políticas de recortes contra a xente desempregada
  • Acabar coa privatización dos servizos públicos
  • Impedir o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais
  • Conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra, e que a riqueza dos nosos recursos sirva para crear emprego digno e industrialización na Galiza e non para encher os petos de quen acumula cada día máis fortuna en territorios lonxe do noso país.