Profesorado, ANPAS, organizacións estudantís e familias exíxenlle á Xunta que aposte polo ensino público
A comunidade educativa -profesorado, ANPAS e organizacións estudantís- deuse cita esta mañá en Compostela para exixirlle á Xunta que aposte polo ensino público, que o fortaleza, que o coide e, como dixo ao remate da mobilización a secretaria nacional de CIG-Ensino, “que se deixe de propaganda e de falsificar números”.
Fronte aos datos da consellaría de Educación, Laura Arroxo denunciou que “nunca tantas medias xornadas, itinerancias a afíns houbo. Nunca tantos recortes de persoal e de dereitos. Nunca tanto alumnado con diversidade sen atender. Nunca tanta burocracia”.
Explicou que cada ano o inicio de curso convértese en “máis e máis papeleo”. Situacións que están provocando que as actuais sexan as peores condicións do profesorado “polo horario lectivo, sobrecarga de traballo, salarios que non chegan para vivir dignamente, diversidade nas aulas e censura”.
A realidade dos centros educativos
A secretaria nacional de CIG-Ensino incidiu en que esta é a realidade dos centros educativos e “non a que pregoa o conselleiro Román Rodríguez”. Por iso considerou que “é preciso prepararnos para unha loita que non será doada, pero que é necesaria. Trátase de dereitos si, pero tamén de dignidade, a que nos roubaron ao profesorado con recorte tras recorte nos últimos anos. A do ensino público practicamente esmagado e que ten que pedir esmolas para funcionar baixo mínimos”.
Por iso, adiantou que a actual campaña ‘Profesorado en loita’ (tras as anteriores ‘Profesorado farto’ e ‘O profesorado non se vende’) ten que ir un paso máis adiante e chamou a secundar masivamente a folga do día 25 e a convencer ao resto do claustro de que “resignarse non é unha opción”.
Advertiu de que malia teren diante unha maioría esmagadora do Partido Popular, “o profesorado xa non ten nada que perder”, como tampouco teñen as familias que “non ven atendidas as demandas de especialistas para as súas crianzas” nin o alumnado, “ese co que sabemos que tecemos lazos que van máis alá da nosa función docente e ao que atendemos en etapas decisivas da súa vida”.
Afirmou que o ensino público galego esmoreceu durante os últimos 15 anos. Por iso considerou que non se pode agardar nin un minuto máis “para dar o golpe na mesa definitivo. Abonda xa. Até aquí chegamos. Esa ten que ser a nosa mensaxe e canto antes lla fagamos chegar á Consellaría antes conseguiremos os obxectivos que nos marcamos”.
Rectificar, recuperar e recoñecer
Diante desta situación, Laura Arroxo exixiu a Rueda que “rectifique” as políticas de recortes dos últimos anos. “Quita profesorado dos cupos dos centros de secundaria e FP, recorta en persoal para atención á diversidade (tanto profesorado, como auxiliares coidadores e coidadoras, como a rede RAOGAL), recorta na formación do profesorado. Manipula as cifras dicindo que medio profe aquí e medio alí son dous profes, precarizando até o infinito as condicións laborais de persoal interino e substituto a quen lle segue negando o cobro do verán”, denunciou.
Reclamoulle ademais ao presidente da Xunta que recupere o horario lectivo do profesorado (18 horas para secundaria e 21 primaria), porque “precisamos ter máis horas para coordinar proxectos, para atender as titorías, para reunións, para as actividades complementarias”, dixo. E recollendo o sentir maioritario do profesorado asegurou que “estamos fartos e fartas de non chegar, de que non poidamos atender como se merece o alumnado e de que este quede sen os apoios ou desdobres que necesita”.
Arroxo pediulle ademais ao goberno da Xunta que recoñeza que é hora de “valorizar o profesorado e tamén as familias que apostan e sosteñen o ensino público, cada vez máis atacado por todos lados”.
Sen censuras
A secretaria nacional de CIG-Ensino chamou a recuperar “a esencia da nosa profesión que é ensinar coñecementos e competencias, si, pero tamén valores, sen censuras, sen imposicións”. Denunciou o “lastre” da burocracia porque -dixo- “parece que nos queren ter aducidos e aducidas para que nin sequera teñamos tempo de falar entre nós”. Rexeitou as cada vez maiores “inxerencias no noso traballo” porque “non podemos tomar ningunha decisión libremente”.
E tirando de datos demostrou o “queime” do profesorado á vista do número de xubilacións anticipadas que “é agora practicamente do 100%” e o número de persoas que collen excedencias ou que renuncian a interinidades e substitucións. Un “queime” que tamén manifesta moito funcionariado novo que se incorpora os centros aos centros dicindo que “isto non é o que agardaban”.
Arroxo concluíu denunciando que o actual Goberno galego quere o profesorado “burocratizado, convertido en correa de transmisión da Consellaría, mansos”, fronte ao que o situou como “un dos piares fundamentais de calquera sociedade, cos mesmos dereitos que o resto da clase traballadora”. Por iso chamou a berrar contra os recortes, a censura, a propaganda e a burocracia e a prol de condicións de traballo dignas, a baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo e por máis especialistas e persoal para atender a diversidade.