Primeiro xesto da Xunta: o conselleiro de Industria asiste á reunión co Comité de Ferroatlántica
Segundo explica o Comité, na reunión, acordouse abrir un período de negociacións coa Consellaría, polo que dende o Comité espérase que nestas próximas xuntanzas "o pronunciamento en contra das pretensións da empresa teña maior correspondencia e apoio por parte da Xunta de Galiza".
A este respecto, o Comité reitera que a Xunta non pode "pretender despachar" un tema de vital importancia para comarca sen unha intervención inmediata do Goberno galego e do seu Presidente, "porque é o único que pode paralizar e desautorizar esta operación especulativa".
Neste liña, agardan que nese escenario de xuntanzas institucionais que se abre "poidamos traballar positivamente para evitar a venda das centrais, garantir o futuro dos empregos e as fábricas, e salvagardar o interese público, mesmo se fora necesario recuperando a Xunta o control público das concesións".
Unha vez máis, o Comité denuncia que a obstinación da empresa por levar adiante a venda das centrais hidroeléctricas significa a ruína da comarca, pois de efectivizarse a segregación das actividades produtivas "xeraríase un futuro incerto para as factorías co escenario do peche das mesmas".
Por iso, a representación social insiste en que "non nos fartaremos de repetilo: a única garantía de futuro para as fábricas de Cee e Dumbría e os empregos é manter vinculadas e dentro do mesmo grupo as actividades de ferroaleaxes e de produción de enerxía".