Primeiro revés xudicial para o Concello do Carballiño tras despedir as cinco limpadoras
O xulgado do social número 2 de Ourense vén de emitir a primeira das sentenzas dos xuízos polos despedimentos das cinco traballadoras do servizo de limpeza de colexios do municipio do Carballiño, fallando a improcedencia do cese e avalando a posición da CIG, que sostivo desde o inicio que após a remunicipalización tiña que ter aplicado a subrogación.
Segundo a xuíza “estamos ante unha contrata baseada na man de obra, e non na aportación de medios materiais, polo que a sucesión prodúcese pola sucesión do cadro de persoal exclusivamente, co cal ao reverter o servizo ao Concello, este debe asumir o persoal da cedente nas súas mesmas condicións en base ao artigo 44 do E.T.”.
Pero é que, ademais, segundo recolle a sentenza “no presente suposto, é o propio Concello o que de feito asume a subrogación, dado que permitiu que a actora continuara prestando os seus servizos no mesmo centro de traballo desde o cese da anterior adxudicataria o 4/9/2016 até o 14/9/2016, o que supón de feito a subrogación, polo que non pode negala despois”. Finalmente, afirma que “ao non ter subrogado, dita decisión constitúe un despedimento en canto revela unha vontade unilateral de extinguir a relación laboral sen causa xustificada algunha”.
É preciso que nos vindeiros 5 días tomen unha decisión firme, non nos basta con palabras, queremos a readmisión
Despois deste serio correctivo, desde a CIG-Servizos de Ourense reivindican do goberno municipal a readmisión inmediata das cinco compañeiras, “deixando de malgastar recursos públicos en procesos xudiciais que ten perdidos de antemán ao constatarse a pouca fiabilidade dos informes xurídicos nos que se apoiaran”. Dado que os prazos legais corren rápido “é preciso que nos vindeiros 5 días tomen unha decisión firme, non nos basta con palabras, queremos feitos”, reivindican, exixindo ao Concello que “non recurra a sentenza nin efectúe a indemnización”.
Engaden, ademais, que a sentenza ten implicacións que rebordan o ámbito municipal ao afirmar, tal e como vén sostendo a posición defendida pola CIG, que as institucións que resgaten concesións deben subrogar o persoal “e contratalo como indefinido á espera de que se cubran as prazas mediante o sistema de provisión acorde”. “No caso contrario sería condenar ás traballadoras/as a quedar fóra do mercado laboral, destruíndo emprego, o que choca coa finalidade pretendidamente progresista que persiguen as remunicipalizacións”, puntualizan.