Primeira xornada da folga indefinida do persoal da UCI do Hospital Clínico de Santiago
O Persoal da UCI do Hospital Clínico de Santiago leva anos padecendo as deficiencias estruturais que ten a unidade. Deficiencias ás que se engaden a falta de medidas organizativas e preventivas e a enorme presión que sofre o persoal. Unha situación que dificulta garantir unha asistencia sanitaria de calidade e que empeorou coa pandemia. Isto levou ás traballadoras e traballadores a convocar unha folga indefinida, que se iniciou hoxe e que se repetirá todos os luns de 8:00 horas a 8:00 horas do martes.
O persoal acusa á xerencia sanitaria de Santiago e Barbanza de “insensibilidade” por non ter acometido as reformas estruturais comprometidas en xuño deste mesmo ano e que debían estar rematadas xa en setembro. Xunto a isto alertan da falta de medidas organizativas e preventivas, limitando ao mínimo posible o número de traballadoras e traballadores e o tempo de exposición, atendendo ao procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte a exposición ao SARS-COV3 do Ministerio de Sanidade e o Plan de prevención fronte o risco de exposición laboral no coronavirus do persoal da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.
Esgotamento físico e psíquico
Consideran que estas medidas son necesarias para a previsión dun aumento de baixas por IT e polo esgotamento tanto físico como psíquico que padece o persoal. Neste sentido advirten da falta de condicións de traballo dignas, para non estar a quendas de 7 ou 10 horas diarias sen descanso e mesmo obrigando a dobrar quendas e co mesmo EPI e uniforme.
Responsabilizan ademais á Xerencia da imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar, dos efectos psicosociais ou mesmo síndrome de Burnout, ante a falta de test e probas ás/aos profesionais, incumprindo o requirimento da Inspección de Traballo da Coruña sobre a realización de Avaliacións de Risco Psicosocial ao persoal.
O persoal da UCI denuncia a falta de información da implantación ou revisión de organización e métodos de traballo a representantes legais e a falta dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo en función das particularidades e funcións de traballo específico da UCI-A establecido pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais.
Xunto a isto poñen en evidencia a falta de formación de profesionais en novas técnicas e en riscos laborais, adestramento no manexo de EPIs para adquirir soltura e seguranza na UCI-A e poder reforzar a unidade, mesmo en momentos puntuais.
Sobre estas cuestións xa presentou denuncia perante a Inspección de Traballo a CIG-Saúde de Compostela o pasado mes de outubro, diante da falta de resposta da Xerencia e a persistencia dos incumprimentos en materia de prevención de riscos, nomeadamente no referido aos protocolos covid, así como a a ausencia de medidas preventivas de carácter organizativo e de plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais do persoal deste servizos ante o esgotamento que o persoal está a padecer a todos os niveis.