Preto do 82% do alumnado de terceiro de primaria auséntase dos centros para non facer a reválida
Segundo os datos cos que contaba a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra as 11:00 horas, a ausencia do alumnado mesmo superou a que se produciu os días 11, 12 e 13 para as reválidas de 6º de primaria. Diante disto, Anxo Louzao, portavoz da PGDEP considerou que esta “é a evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso que suscitan a LOMCE e as reválidas”.
Neste sentido, Fernando Lacaci, en representación das ANPAS de Compostela, abundou nesta cuestión asegurando que as ANPAS tamén notaron un repunte “mesmo maior” e constaron un rexeitamento “unánime” a estas probas.
Lacaci asegurou que “isto desautoriza totalmente ao conselleiro, cando fala de manipulación das familias”. A este respecto lembrou que máis do 80% das familias “non pertencen a unha ideoloxía, a un partido político, non son seguidores dunha única consigna. Cando falamos desas porcentaxes estamos falando dunha multiplicidade enorme de persoas que están de acordo nunha única idea: a LOMCE é unha idea que nin queremos, nin necesitamos”.
Por iso Louzao subliñou que a consellaría de Educación debería “tomar nota” e “cesar no empeño de continuar para adiante cunhas reválidas que nada aportan ao sistema educativo, que son inútiles e que pretenden xerarquizar e discriminar socialmente ao alumnado máis desfavorecido”.
Louzao alertou ademais de que estas probas son o prólogo das reválidas de 4º da ESO e 2º de Bacharelato, que terán carácter eliminatorio e que poden impedir a parte do alumnado obter os títulos correspondentes ou acceder á universidade. “Son probas que conducen ao alumnado a entrar nunha competición e que converten os centros de ensino en centros competitivos no canto de centros educativos”, denunciou.
A isto engadiu que as reválidas provocan que se xerarquicen as materias, desprezando a unhas fronte outras, o que “uniformiza o sistema educativo, deixando á marxe todo o que nos conforma como pobo galego”, afirmou.
Louzao agradeceu ás familias o esforzo realizado dadas as dificultades para deixar ás rapazas e rapaces na casa polo medio da semana e concluíu reclamando da consellaría que se recoñeza o “estrepitoso fracaso” e que non se poñan en marcha as reválidas de ESO e Bacharelato. “De non facelo”, explicou o portavoz da PGDEP, “veremos que os únicos que as van facer serán o conselleiro de educación e máis o presidente do goberno, o señor Feixóo”.
Considerou ademais que nin o goberno galego nin a máxima autoridade educativa poden seguir dándolle as costas á comunidade escolar e á sociedade no seu conxunto e demandoulles que se poñan á fronte das súas demandas e reclamen en Madrid a derrogación definitiva da LOMCE.