Preto do 25% das novas persoas desempregadas no Estado español en novembro están en Galiza
O mes de novembro rematou en Galiza cun total de 187.472 persoas desempregadas, 6.165 máis que no mes anterior (o 3,40%), mentres que na media estatal o aumento foi dun 0,66%. Deste xeito, o 24,4% das novas persoas desempregadas no Estado español están no noso país. Fomos ademais a segunda comunidade onde máis medrou o desemprego o mes pasado en termos relativos, pero a primeira en termos absolutos. Unha evolución que o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, cualifica de “nefasta” e que afecta a todas as provincias e a todos os sectores.
“Estamos a falar de 187.472 persoas desempregadas con nome e apelidos das que, ademais, o 45% non teñen acceso a unha prestación contributiva”, denuncia Cartelle para quen, diante desta situación, é imprescindible que “dos 140.000 millóns de euros que vai recibir o Estado español en 6 anos, Galiza poda acceder a un reparto que teña en conta as nosas características e necesidades como pobo”.
Neste sentido reclama que esas partidas permitan poñer en marcha as medidas propostas pola CIG para unha saída xusta e galega da crise mais advirte que “en ningún caso, o acceso aos fondos de recuperación europeos pode implicar medidas económicas e laborais que minoren os dereitos das traballadoras e traballadores”.
Por iso, o secretario confederal de Emprego entende que estes fondos “deben ser sometidos a control e deben participar os axentes sociais para vixiar que se empreguen nun deseño económico do país que cre tecido industrial e valor engadido, desenvolvendo as potencialidades dos nosos sectores produtivos”.
Os datos
A nivel sectorial, a evolución e como segue:
Como se observa no recadro, no último mes, onde máis medrou o desemprego foi no sector Servizos (3,665%), aínda que porcentualmente, en Industria (3,355%) a caída foi similar. Con respecto a febreiro, antes da pandemia, en todos os sectores hai máis persoas desempregadas, nomeadamente no sector servizos.
Isto constata, para Cartelle, a enorme debilidade da nosa economía, evidencia a súa dependencia do sector Servizos e pon en cuestión as políticas económicas do Partido Popular, á fronte da Xunta de Galiza. Políticas que, como confirman os datos, están provocando o desmantelamento do sector industrial e sumíndonos nunha situación de emerxencia nacional, tanto no plano económico como social.
Na media do Estado, medrou o desemprego na construción (0,5%) e en Servizos (0,93%), pero no sector Industrial descendeu un 0,10%.
En todas as provincias se incrementou o desemprego, as dúas máis poboadas son as que en termos absolutos rexistran incrementos maiores, pero en termos relativos foi na provincia de Lugo onde máis medrou.
Con respecto a febreiro, é a provincia de A Coruña a máis prexudicada.
Foron os homes os que máis empregos perderon o último mes, aínda que desde o inicio da pandemia son as mulleres as máis damnificadas.
Afiliación á Seguridade Social
No que atinxe a afiliación á seguridade social, tamén o comportamento en Galiza é moi negativo.
Mentres na media estatal aumentou o número de persoas afiliadas á Seguridade Social, en Galiza descendeu un 0,2%: 2.134 persoas afiliadas menos. A nivel provincial, caeu a afiliación en todas as provincias.
No que si hai cambio é con respecto a febreiro, mentres na provincia de A Coruña se mantén un número de afiliados/as inferior, nas outras 3, medrou a afiliación.
A pesar desta evolución, rexistráronse 61.311 contratos nas oficinas do SEPE ( 8,4% indefinidos), o que manifesta a alta rotación e escasa duración dos contratos dunha parte importante da poboación asalariadas galega, o que se traduce en precariedade, temporalidade e baixos salarios.
Para o secretario confederal de Emprego, o panorama non pode máis que cualificarse de “desolador”. Denuncia que “esta crise volve golpear especialmente ás mulleres e a mocidade” e afirma que, fronte a isto, a Xunta de Galiza, “segue ausente, sen arbitrar medidas reais de protección, diante do gravísimo deterioro das condicións de vida das galegas e galegos, e incapaz de articular políticas que freen a destrución de emprego, consecuencia dun modelo económico baseado no turismo, que tiña o Xacobeo como a salvación de todos os males, e do abandono do noso sector primario e dos sectores industrias, claves para o noso país”.