Preto de 3.000 obxectos de paquetería están sen repartir nas unidades de reparto de Correos da Coruña

A Coruña - 05 Dec 2024

O sector de Correos da CIG advirte que o incremento de paquetería nestas datas e falta de previsión por parte do xerente de Produción de Correos na Zona Noroeste, provocan que día a día se acumulen máis obxectos pendentes de entrega nas unidades de reparto da Coruña. Nestes momento, calculan que hai preto de 3.000 obxectos de paquetería pendentes de seren entregados.

"Paquetes que foron depositados a semana pasada en calquera punto do Estado español, aínda non foron sacados a reparto, acumulándose en todas as oficinas da cidade e facéndose moito máis visíbel na Unidade de Servizos Especial da cidade. O verdadeiro motivo desta acumulación non é outro que a falta de contratación de persoal necesario nas unidades de reparto da cidade", denuncian.

A CIG-Correos non entende as razóns polas que non se cobren as ausencias nin as vacantes das unidades de reparto nin os motivos polos cales "non se reforzan uns cadros de persoal escasos dende hai anos". Como exemplo, na UR-3 (que atende os códigos postais 15010 e 15011, unha zona tan densamente poboada como é a Agra do Orzán, As Conchiñas, O Ventorillo, As Roseiras e Visma), a día de hoxe, de 22 barrios soamente están cubertos 12.

"Non podemos tolerar por parte da empresa un deixamento e un abandono tal que fai que o reparto de paquetería na Coruña estea nunha situación de emerxencia operativa, nunha precariedade impropia dos tempos que corren, porque a falta de contratación para substitucións fai que o servizo público postal se vexa prexudicado".

Ante a situación xerada, a representación da CIG reclámalle á Xerencia de Persoal de Correos da Zona Noroeste un reforzo urxente dos cadros de persoal, para darlle saída inmediata á correspondencia atrasada e que actúe en consecuencia para que non se repitan estes feitos no futuro.

A este respecto, demandan o cese do xerente de Produción como "máximo responsábel de loxística a nival zonal", ao que acusan de practicar unha política de contratación cero e de "dar mostras da súa falta de previsión diante dunha situación previsíbel e que non soubo atallar.