Preto de 12.000 docentes do ensino público galego reclaman a recuperación dos dereitos arrebatados
Durante este segundo trimestre a CIG-Ensino visitou os 1.200 centros educativos que hai en Galiza para recoller un total de 11.915 sinaturas en apoio ás dez medidas urxentes que servirían para mellorar a situación laboral do profesorado e a calidade do ensino público. As sinaturas, xunto cun escrito solicitándolle unha entrevista, foron entregadas esta mañá na sede central da Xunta de Galiza dirixidas ao conselleiro de Cultura e Educación.
A CIG-Ensino recolleu o actual descontento do profesorado galego coas súas condicións de traballo nunha campaña que se alongou durante dez semanas este ano e que vén de finalizar coa recollida de preto de 12.000 sinaturas de apoio a un decálogo de medidas urxentes para reverter esta situación.
As sinaturas, xunto cunha carta na que se lle solicita unha reunión, foron entregadas esta mañá en San Caetano dirixidas ao conselleiro de Cultura e Educación “que non pode seguir facendo oídos xordos despois do clamor expresado polo colectivo docente”, tal e como indicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, nunha concentración previa á entrega das sinaturas na que participaron ducias de delegados e delegadas desta central.
Profesorado ao límite
Bermello destacou que, nesta ocasión, se recolleron un terzo máis de sinaturas. En concreto 2.803 máis que nunha campaña semellante, desenvolvida hai dous anos, “o que demostra que o persoal docente está chegando ao límite da súa paciencia”.
Esta enorme cantidade de apoios demostra -en palabras de Suso Bermello- “que o profesorado galego está farto dos recortes dos últimos anos; de ver como mingua o seu soldo e o seu poder adquisitivo ano tras ano; de que non pare de aumentar a súa carga lectiva e burocrática; de que se lle penalice por enfermar con descontos salariais durante as baixas; de estar nunha situación de provisionalidade e de inestabilidade permanente que non lle permite emprender o seu proxecto vital e de moitas outras condicións que fan que se poida resentir a calidade do ensino público”.
Para o secretario nacional da CIG-Ensino, “é inadmisíbel estar escoitando a propaganda de recuperación económica que o goberno do PP galego replica constantemente do seu homólogo en Madrid e que o colectivo docente, que fixo un esforzo inxente nos últimos anos por manter con dignidade o funcionamento do sistema educativo, non vexa restituído ningún dos dereitos perdidos desde a chegada ao poder de Feijoó en 2009”.
Precisamente entre as medidas que se citan como máis urxentes nesta campaña está a volta á xornada laboral das 18 horas lectivas en Secundaria e FP e das 25 en Primaria e Infantil; a redución das rateos de alumnado por aula en todas as etapas educativas; unha regulación seria das materias afíns para evitar que o persoal docente se vexa obrigado a impartir materias das que non é especialista; a limitación a 2 anos do tempo que se está en expectativa de destino tras obter praza nun procedemento selectivo; a necesidade de negociar un acordo de estabilidade que combinado con ofertas amplas de emprego non poña en risco os postos de traballo do persoal interino e garanta un incremento dos cadros de persoal e un reforzo de todo o que ten que ver coa atención á diversidade, para conseguirmos unha sociedade máis inclusiva e integradora empezando polo propio sistema educativo.