Preséntase en Vigo o documental “Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega”
O auditorio Afundación de Vigo acolleu este martes a presentación do documental 'Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega'. Un audiovisual elaborado pola CIG que recolle testemuños dalgunhas das persoas protagonistas daqueles acontecementos. Persoas que, como lembrou o secretario xeral, Paulo Carril, son un exemplo de resistencia, de coherencia e de profundo convencemento na autoorganización da clase traballadora e do pobo galego.
O propio Carril foi o encargado de presentar o acto, ao que asistiron máis de 300 persoas, que ateigaron un auditorio que se fixo insuficiente para dar acollida a todo o público interesado en sumarse a esta conmemoración.
Baixo o lema “Somos clase, somos nación. A loita continúa”, o secretario xeral da CIG chamou a conmemorar o setembro do 72 en Vigo para expresar “o noso recoñecemento e agradecemento, mais tamén o noso respecto e admiración a todas as persoas, a todos os traballadores e traballadoras que foron exemplo de resistencia, de coherencia, de organización da clase traballadora e do pobo galego, que construíron instrumentos propios para defender os nosos intereses de clase e de nación”.
Lembrou que estas folgas e mobilizacións, coa conseguinte represión, e mesmo con persoas detidas, “son o xermolo do sindicalismo nacionalista” que, afirmou, “desde aquela foi medrando de forma imparábel até hoxe ser a primeira central sindical en afiliación, en mobilización, en número de delegados e delegadas nos centros de traballo”, pero tamén en capacidade de influencia social.
Carril reivindicou estas orixes das que vén o sindicalismo nacionalista “co orgullo de formar parte dunha historia colectiva e dunha tradición sindical que ao longo dos anos nos ten levado a ser o que somos”.
O secretario xeral da CIG chamou ademais a desmontar outra das mentiras coas que “se nos quere facer crer que os galegos/as non somos quen de facer por nós mesmos” e a participar activamente nas actividades e mobilizacións prevista para conmemorar este 50 aniversario dos sucesos que decorreron en 1972 en Ferrol e Vigo e que supuxeron o principio da fin da ditadura franquista e do fascismo.
Agasallo da CIG á cidade de Vigo
Carril lembrou que a CIG iniciou os actos de conmemoración da histórica data de 1972 o pasado mes de marzo en Ferrol e que continuou este martes en Vigo coa proxección do documental que, a partir de aquí, se levará aos centros de ensino, centros de traballo e o tecido asociativo da comarca.
Xunto a isto a CIG ten convocada unha manifestación nacional para o vindeiro día 22 de setembro, ás 11:00 horas, con saída da Vía Norte e remate na Porta do Sol. Unha marcha que inicialmente estaba previsto que rematara na Avenida Castelao para inaugurar un monumento, encargado e pagado pola CIG, como agasallo á cidade de Vigo. Unha estrutura do canteiro Xabier Diéguez Mosquera conformada por catro bloques de pedra de 2,30 metros de alto, dúas de 1,20 metros e outras dúas de 1,60 m de ancho, coa data de 1972 e as letras de Setembro gravadas.
O secretario xeral da CIG explicou que para a súa ubicación, a CIG contactou co concello de Vigo e solicitou autorización para instalar este monumento, pero que “desde o concello puxeron todo tipo de atrancos, de obstáculos, negando primeiro o emprazamento e despois dando opcións de emprazamento en lugares de escasa visibilidade e de escasa visita pola cidadanía de Vigo”.
Despois do tempo transcorrido, anunciou que por fin se acaba de conseguir do concello un emprazamento no Monte do Castro onde se instalará cara o mes de novembro aínda que lamentou a actitude do concello de Vigo entendendo que “as loitas pola dignidade, como a que representa o ano 1972, deberan de ter no concello de Vigo o seu primeiro aliado e non o seu primeiro obstáculo”. Confiou, en todo caso, en que deste xeito se avance para que reciban o máximo recoñecemento oficial institucional, social sen renunciar a que no futuro se leve o monumento a Coia que “é onde debera de estar”.
Tras da proxección do documental tivo lugar unha mesa redonda onde unha ampla representación dos protagonistas, entre eles Anselmo López Carreira; Manuel Mera; Martín García Cordeiro; Manuel Domínguez; Ramón González; Luísa Cuevas e Xesús Chaves, lembraron as súas experiencias persoas naquelas datas e a súa participación na conformación da primeira organización sindical de obediencia exclusivamente galega, a Organización Obreira (OO).
Ma mesa redonda, moderada polo secretario comarcal da CIG de Vigo, Berto Gonçalvez, participou ademais o que foi secretario xeral da CIG e actual Presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo, quen salientou a importancia que ten a CIG como ferramenta para a defensa dos intereses da clase traballadora galega e o avance na consecución da soberanía nacional.
Unha organización sindical que, lembrou, foi construída grazas á entrega e compromiso de miles de traballadoras e traballadores e sen a que tería sido imposíbel conseguir os avances acadados pola clase traballadora galega ao longo de todos estes anos.