Presentado recurso contra a actualización do protocolo covid educativo e o plan de ensino virtual
A CIG-Ensino vén de recorrer á vía xudicial ante a negativa da consellaría de Educación a negociar as normas que afectan ás condicións de traballo e de protección da saúde do profesorado, tras mudar o protocolo covid e obrigar a asistir aos centros de ensino tanto a docentes como a alumnado aínda que convivan con persoas con síntomas. O sindicato insta ademais ao Presidente da Xunta, tras das súas declaracións contra a nosa lingua, “a abandonar as posicións ultras e a desconfinar o galego”.
Na reunión co conselleiro de Educación celebrada o pasado 2 de novembro, o propio día no que o titular da consellaría facía pública un folleto sobre o Plan de Ensino Virtual, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, interpelou a Román Rodríguez para que modificase a camiño da unilateralidade e a imposición de normas sen debate e negociación previa coa representación legal do profesorado.
Na mesma xuntanza, tamén se puxo en evidencia a clara contradición que naquel momento existía entre a norma fixada por Educación para os casos de docentes ou alumnado conviventes con persoas con sintomatoloxía compatíbel coa covid-19 e a que marcaba Sanidade, indicando esta última que non se deben permanecer en corentena mentres se agarda por unha PCR.
Dous días despois da reunión, a Consellaría de Educación mudou novamente o seu protocolo, chegando xa á 4ª versión, sen levalo previamente á Mesa Sectorial e aplicando o criterio fixado por Sanidade, que a CIG-Ensino denunciou e cualificou inmediatamente como unha temeridade.
No día de hoxe, o sindicato vén de rexistrar no TSXG un recurso contra as últimas normas aprobadas pola Consellaría de Educación, todas elas sen negociación previa e no caso da última versión do protocolo, cun claro exemplo de contradición entre a protección da saúde con carácter xeral para toda a poboación (nunha orde de Sanidade na que se dan indicacións de permanecer nas casas á espera de que se confirme se a persoa sospeitosa de contaxio dá positivo ou non) e a que se impón para o persoal dos centros educativos (coa indicación de non quedar nas casas e seguir acudindo aos centros malia o risco que isto pode implicar).
Plan de Ensino Virtual
A CIG-Ensino considera que a actuación unilateral da Consellaría de Educación supón unha violación do dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical así como unha vulneración do procedemento legalmente estabelecido para á modificación de horarios, xa que o Plan de Ensino Virtual implica, de feito, unha modificación das ordes que desenvolven os Regulamentos Orgánicos dos diferentes centros educativos. Por último, no que garda relación ao cambio de criterio sobre persoas conviventes ou contactos estreitos de persoas que poderían estar contaxiadas, o sindicato entende que se vén de producir unha violación do dereito á saúde da comunidade educativa e solicita a paralización cautelar desta medida.
Desconfinar o galego
A CIG-Ensino cualifica ademais de “graves” ataques ao galego e de “indignas” as palabras vertidas onte polo presidente da Xunta nas redes sociais ao respecto da emenda aprobada no Congreso da LOMLOE e que di que hai que garantir nun país como o noso o coñecemento e a competencia nas dúas linguas cooficiais e adoptar medidas para compensar as carencias que puideran existir en calquera delas, tal e como se pode ver no texto literal:
- As administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e alumnas a recibir ensinanza en castelán, e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e normativa aplicábel…
- As administracións educativas aplicarán os instrumentos de control, avaliación e mellora propios do sistema educativo e promoverán a realización de análises por parte dos centros, de modo que se garanta que todos os alumnos acaden a competencia en comunicación lingüística, en lingua castelá e no seu caso nas linguas cooficiais, no grao requirido. Así mesmo, impulsarán a adopción por parte dos centros das medidas necesarias para compensar as carencias que puideran existir en calquera das linguas.
O sindicato lembra que todos os datos obxectivos e as recomendacións do Consello de Europa avalan a necesidade de protexer e normalizar a nosa lingua que ficou relegada das materias científico técnicas e dalgunhas etapas como infantil, educación especial, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial como consecuencia do Decreto de Plurilingüismo aprobado por Feijóo en 2010.
Por iso pregúntalle a Feijóo con cal destas premisas non está de acordo e como é que un presidente dunha comunidade autónoma histórica e con lingua propia “adopte posicionamentos ultra propios de formacións de extrema dereita coma Vox neste tema”. Así mesmo, lémbralle que debe cumprir as recomendacións do Consello de Europa ao respecto da protección e salvagarda das linguas minorizadas, para o que debería empezar por derrogar o Decreto do Plurilingüismo, a norma que invisibiliza o noso idioma en moitas etapas educativas (nomeadamente infantil, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial) e que o relega das materias científico técnicas.
Un Decreto que, tal e como avalan os datos estatísticos, contribuíu a que a cuarta parte da comunidade escolar non sexa competente na nosa lingua e que o número de alumnado que a emprega ao remate da escolarización obrigatoria é menor que cando a empeza. “o que demostra que a escola se converteu nun dos factores principais de desgaleguización na sociedade”.
Así pois, insta ao presidente Feijóo a que cumpra o mandato da Lei de Normalización Lingüística e das institucións europeas e que tome nota do Acordo de base para un novo Plan de Normalización do galego no ensino presentado o mes de xullo pasado e que contou co apoio de tres organizacións sindicais do profesorado, entre elas a CIG-Ensino, da Mesa pola Normalización Lingüística, de ANPAS galegas, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e de Nova Escola Galega.