Presentadas máis de 2.000 sinaturas do persoal da área sanitaria da Coruña-Cee pedindo medias preventivas e protocolos

A Xunta de Persoal desprazouse este venres até a Consellaría de Sanidade en Compostela
A Coruña - 11 Abr 2025

A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña-Cee fixo entrega esta mañá, no rexistro da Consellaría de Sanidade en Santiago de Compostela, das máis de 2.214 sinaturas recollidas entre o persoal para manifestar o desacordo coa forma de proceder da xerencia ante as últimas agresións rexistradas.

A presidenta da Xunta de Persoal, Lucía Peón Soutiño (CIG), denunciou que máis dous de dous meses despois da grave agresión rexistrada nas urxencias do Hospital da Coruña “a xerencia continúa sen achegar solucións” e nin sequera se reuniu cos órganos de representación ou co persoal “a pesar de así terllo solicitado”.

Peón Soutiño critica que, malia as reiteradas peticións e as intensas mobilizacións do persoal, non se puxo en marcha “nin unha soa medida preventiva” polo que “o que pasou pode volver ocorrer porque non se están adoptando medidas para evitalo”. De feito, lembrou que a propia Inspección de Traballo considerou que o protocolo facilitado para a atención a pacientes potencialmente agresivos/as en urxencias do HUAC “non vale por ser inespecífico”.

Para a presidenta do órgano de representación, esta inacción “demostra unha absoluta falta de compromiso coa seguridade das e dos profesionais desta área sanitaria. Queremos solucións e querémolas xa”, aseverou.

Ás portas da Consellaría, onde se volveu reclamar o cese do xerente, a Xunta de Persoal reiterou que as traballadoras e os traballadores só piden acudir aos seus postos en condicións de seguridade e poder dar unha atención sanitaria de calidade. “Pero para iso precisamos máis profesionais, espazos axeitados e protocolos de traballo claros e coñecidos”.

Así, no escrito presentado á Sanidade demandan protocolos actualizados e formación en todos os servizos, unidades e/ou centros de traballo fronte unha posíbel agresión, “para saber actuar cando esta se produce: a quen chamar, como proceder, como notificar, se trmos acceso á asesoría xurídica, a atención médica posterior, etc.”. Xunto a isto, reclaman medidas preventivas para evitar que se produzan agresións, cunha revisión dos espazos adecuados, avaliacións de postos de traballo, avaliacións das cargas asistenciais e dotación suficiente de recursos materiais e profesionais.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.