Presentada denuncia na Inspección pola falla de medidas preventivas para o persoal non docente
A CIG-Administración vén de presentar denuncia perante a Inspección pola falta de avaliación de riscos laborais dos centros de educación e a falta de medidas preventivas previstas para os postos do persoal non docente. Denuncia a falla de negociación das súas condicións laborais pola modificación de horarios, funcións e ampliación da carga de traballo e que “tampouco se informou ao persoal do plan de acción, nin das medidas que deben tomar para protexerse do coronavirus e realizar as funcións con seguridade e eficacia”.
Na denuncia sublíñase que tampouco houbo formación e información das medidas de seguridade a adoptar nos postos de traballo, nin se informou á representación do persoal ou a delegadas e delegados de prevención de se se realizaron medidas preventivas. Non se trataron as medidas no Comité de Seguridade e Saúde Laboral Intercentros ou provinciais nin houbo convocatoria algunha da mesa xeral para a elaboración de ningún protocolo de reincorporación á actividade.
Por iso demanda a avaliación de riscos dos postos de persoal non docente; información e formación en materia de prevención; EPIs axeitados; negociación de carteleiras, ratios e cadro de persoal abondo para realizar as tarefas encomendadas e a supresión dos poderes ao equipo covid para a modificación de horarios e imposición de tarefas sen negociación previa previstos no documento de instrucións.
Persoal atinxido
O persoal atinxido é o de limpeza, de cociña, administrativo, coidador de alumnado con diversidade, intérprete de lingua de signos, subalterno e de mantemento. En centros residenciais, persoal médico ou de carpintaría; en centros de educación especial persoal educador e calquera outro que se vexa afectado polas instrucións da consellaría.
A CIG-Administración entende que no caso de persoal de limpeza e mantemento dependente dos concellos ou mesmo de cociña e comedores, están tamén incluídos na denuncia. O mesmo ocorre coas empresas que proporcionan servizos de comedor e limpeza, que deberan estar previstas nas avaliacións de riscos laborais para unha axeitada coordinación das actividades no referido á seguridade do alumnado e das traballadoras e traballadores.
Documento xeral e unilateral
A CIG-Administración asegura que a consellaría de Educación e a de Sanidade elaboraron un documento que permite modificar as condicións laborais do persoal non docente. Un conxunto de instrucións que, no caso de limpeza, son obrigatorias para todo o persoal de limpeza con independencia da súa dependencia orgánica, “polo que será de aplicación non só ás empresas externas senón tamén aos persoal dos concellos.
O documento sinala ademais que “nos supostos nos que existan varias persoas dedicadas as tarefas de limpeza, unha delas realizará total ou parcialmente a súa xornada na quenda de mañá, podendo realizarse rotacións no uso das quendas. Cando as tarefas de limpeza se realicen por unha única persoa, realizará parte da súa xornada, polo menos 1/3 en xornada de mañá”.
Por iso a CIG-administración entende que se modifica a xornada de traballo e a frecuencia das horas en que se teñen que realizar as tarefas “sen negociación previa”. Denuncia ademais que isto supón un considerable incremento da carga de traballo, sen negociación previa de ningún tipo.
Esta mesma situación repítese no caso do persoal de cociña ao que tamén se lle establecen quendas, novos espazos de traballo e modificacións que afectan a horarios e incrementan a carga de traballo.
O persoal non docente sen representación no “equipo formado na COVID”
Cada centro educativo debe contar cun “equipo formado na COVID” que será de referencia para a comunidade escolar e que, segundo especifica a instrución, estará formado pola persoa titular da dirección do centro e dous membros do profesorado, polo que non haberá representación do persoal non docente, nin de persoal técnico en materia de prevención de riscos laborais.
Para a CIG-Administración este equipo non está conformado por “persoal cualificado” para realizar os plans específicos no relativo a tarefas de limpeza e comedor, porque non coñecen nin as tarefas de limpeza, nin as tarefas de comedor. Fronte a isto, a CIG-Administración considera que quen o debe facer é o Servizo de Prevención ademais de ser tratado nos Comités de Seguridade e Saúde Laboral. “En todo caso, o quipo COVID será o encargado, cos medios materiais e humanos necesarios de poñelo en práctica”, matiza.
O mesmo ocorre cando se indica o momento no que se deben utilizar luvas, que segundo a instrución “limítase ao persoal de limpeza no momento de utilizar substancias abrasivas para a pel”. Denuncia que exclúe a outro persoal de usalas e a este persoal noutras tarefas e indica que, en todo caso, iso compete, novamente da Avaliación de Riscos Laborais.
Sen información sobre instrucións para Centros de Educación Especial
Nas instrucións da consellaría sinálase que os Centros de Educación Especial terán un protocolo propio, que a día de hoxe se descoñece.
Ademais, segundo denuncia a CIG-Administración, “nada se trata do persoal subalterno e de conserxería” que, advirte, “vai ver alteradas as súas funcións polas exixencias de control do alumnado nos accesos, saídas e apoio material e de mantemento do funcionamento do centro, do persoal de cociña, ao que non se refire ningunha protección específica, cando o seu contacto laboral vai ser intenso, ou coidados de necesidades especiais”, así como a outras categoría para as que nin fai referencia.