Presentada denuncia na Inspección de Traballo contra Veolia e Inditex por esquirolaxe
Os traballadores de Veolia continúan coa folga indefinida para esixir a readmisión do compañeiro despedido e na defensa das condicións laborais. Para dar maior visibilidade ás súas reivindicacións e apuntar á responsabilidade de Inditex na decisión do despedimento, acordaron concentrarse a diario diante da sede da multinacional durante toda a xornada laboral. Ademais, para mañá venres, está convocada unha protesta no mesmo lugar, das 14 ás 15:30h.
Porén, dende que o pasado luns se iniciou a folga indefinida, cun seguimento do 100% do persoal, os atrancos no seu desenvolvemento son o pan de cada día. Hoxe mesmo, a CIG tivo que presentar denuncia na Inspección de Traballo contra Veolia e Inditex por esquirolaxe, xa que se está a utilizar ao persoal doutras contratas para realizar os servizos que teñen encomendados os traballadores en folga, vulnerando así o seu dereito fundamental á folga.
O Concello de Arteixo impide a colocación dunha carpa
Pero os intentos de boicot non proceden só da patronal. O luns pola tarde, a policía local ordenáballes retirar as tendas de campaña e a pequena carpa que tiñan montada á beira da entrada da sede da multinacional, e que lles servía de protección contra a choiva, indicándolle que nas protestas non podían haber máis elementos que as persoas. Non parecéndolle abondo ao Concello de Arteixo, ao día seguinte achegouse até o lugar da mobilización o concelleiro responsábel para reafirmarse na prohibición de colocar a carpa e incidir no maltrato a estes traballadores "que son os seus propios veciños".
"Parece que a Inditex non lle gusta vernos aquí diante, debe pensar que as nosas reivindicacións manchan a imaxe que quere vender de empresa exemplar no tratamento aos seus traballadores/as", critica Eduardo Caamaño, secretario da CIG-Industria da Coruña, quen subliña que as concentracións están debidamente comunicadas á Subdelegación do Goberno e que esta administración non remitiu ningunha restrición sobre as mesmas.
Neste senso, apunta que esta mañá, os traballadores recibiron a visita dos membros do BNG de Arteixo, quen lles trasladaron a súa solidariedade e se comprometeron a realizar xestións diante do Concello de cara á que se lles permita volver instalar a lona, tendo en conta ademais, que a falta de movementos por parte da empresa prognostican que o conflito se prolongará no tempo.
Veolia despide, Inditex consinte
Cómpre lembrar que Veolia, que fai unha parte do mantemento da sede de Inditex, das instalacións de Zara Loxística e das naves que a multinacional ten no polígono da Laracha, despediu sen preaviso e de xeito fulminante a un traballador que levaba 12 anos prestando o mesmo servizo e tan só uns días despois de contratar a dous novos operarios.
A escusa da empresa é que ese posto desaparece porque se externaliza noutra subcontrata para "dar un mellor servizo". Unha escusa que os traballadores rexeitan tendo en conta que o traballo que realizaba Rubén estano a realizar agora dúas persoas "e aínda así non dan feito porque non saben", polo que é o persoal de Veolia quen, a fin de contas, se segue encargando de manter operativos os grupos electróxenos.
Ademais, subliñan que aínda que se externalizara esa actividade, o despedimento era innecesario xa que o compañeiro podía ser recolocado noutro servizo ou mesmo subrogado por esa nova contrata. Por iso, entenden que, aínda que Veolia executa, a decisión vén de Inditex como parte da súa ofensiva para recortar dereitos laborais e salariais nas contratas, eliminando o persoal máis antigo para que non consolide dereitos e ao tempo, tentando amedrentar ao resto de traballadores e traballadoras con despedimentos selectivos para evitar que se organicen e reclamen melloras nas súas condicións laborais.