Presentada denuncia na Inspección de Traballo contra Medio Rural por vulnerar o dereito a folga
As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT veñen de presentar denuncia na dirección territorial da Inspección de Traballo para que interveña "ante os abusos, coaccións e a vulneración do dereito fundamental á folga" por parte da consellaría de Medio Rural co persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).
A folga, subliñan, rexistra un gran seguimento social e de apoio do persoal "aínda que está a ser reprimida e boicoteada brutalmente polos responsábeis da consellaría". A este respecto, a representación social critica que a administración non dubidara en impor uns servizos mínimos abusivos, con cambios de carteleiras posteriores para amplialos, afectando así a máis do 90% do cadro persoal. "Agora métense directamente co persoal que manifesta apoio a folga a pesar de non poder facela por estar en servizos mínimos", critican.
No escrito á Inspección, explican dende CIG-Autonómica, recóllese que ao persoal que non declarou expresamente non apoiar a folga (que foi case todo) se lle descontaron cantidades importantes da súa nómina "e incluso se lles convida a abandonar o apoio e xustificar traballos para recuperar parte do salario subtraído ilegalmente". Unha práctica de “esquirolismo patronal” que xa foi denunciada e contestada ante os medios polas centrais sindicais convocantes da folga, "pero como lonxe de recuar, a consellaría vai a máis nos seus actos represivos, hoxe buscamos o amparo da autoridade laboral".
Grave agresión aos dereitos fundamentais
A denuncia á Inspección reflicte tamén as reiteradas coaccións e a intimidación exercida dende a consellaría contra os traballadores e as traballadoras en folga, entre as que hai "chamadas de ameaza, cambios de carteleiras, contratación de empresa externa para realizar as súas funcións ou a aplicación de descontos na nómina “por incendios” ao persoal en servizos mínimos (aínda que estas emerxencias esenciais sempre foron atendidas con dilixencia e profesionalidade)".
Para as organizacións sindicais esta situación, que cualifican de "esperpéntica", constitúe unha grave agresión ao dereito fundamental á folga "polo que denunciamos e solicitamos que a autoridade laboral pare o acoso ao persoal, restitúa o dereito á folga e repare o dano económico e moral producido".
Precisamente, hoxe mesmo o persoal recibiu un novo correo no que a consellaría lle insta a declarar previamente a súa participación na folga aínda en servizos mínimos de gardas de atención a incendios forestais en carteleira de traballo. "Unha nova coacción para a represión do dereito á folga".
Continúa o calendario de mobilizacións
As organizacións convocantes e o comité de folga, á espera dunha xuntanza de negociación efectiva para o acordo de condicións laborais que permita pór remate co conflito, seguirán co calendario de mobilizacións previstas. A próxima protesta será o 9 de setembro, ás 11 da maña, diante da consellaría de Medio Rural.