Presentada denuncia na Inspección contra Ilunion polos reiterados incumprimentos laborais nos servizos para o IMCE

A CIG reclámalle ao Concello da Coruña que garanta os dereitos do persoal e abra un proceso para a remunicipalización
A Coruña - 11 Nov 2025

A CIG vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo polos reiterados incumprimentos laborais da empresa Ilunion Outsourcing, que presta servizos para o IMCE do Concello da Coruña dende o ano 2017. Algunhas das cuestións recollidas na denuncia refírense ao exceso de xornada que, por sistema, realiza o persoal; a falta de descanso mínimo; a non compensación das horas extras, ou o abuso da temporalidade na contratación.

O persoal que traballa para o IMCE a través de Ilunion Outsourcing realiza servizos técnicos, de acomodación, tremoia, venta de entradas, atención en sala, montaxe de escenarios, carga e descarga, conserxería ou mantemento en espazos culturais da cidade como o Teatro Rosalía de Castro, Teatro Colón, Coliseum, Forum Metropolitano, Ágora, a billeteira da Praza de Ourense e algunhas actividades de rúa.

Xornadas de até 16 horas

A representación da CIG destaca que, dende que entrou no servizo, Ilunion nunca elaborou o calendario laboral anual, tal e como marca o convenio colectivo de aplicación. “Descoñecemos cales son os horarios e días de descanso que nos corresponden. A empresa traballa como se dispuxera do noso tempo 24 horas os 365 días do ano”, salientan.

Denuncian que os traballadores e traballadoras chegan a facer xornadas de até 14 ou 16 horas ao día, pero a empresa nin paga nin compensa os excesos de xornada, as horas nocturnas ou o traballo en días festivos e ademais faino discriminando ao persoal segundo o contrato.

Sobre este punto, advirten de manifestas irregularidades na contratación e do uso abusivo da contratación eventual e da parcialidade. Ademais, este persoal temporal cobra menos do que debería porque “sempre se lle dá de alta en categorías inferiores aos labores e responsabilidades que realizan” e nunca a xornada completa aínda que así se demanda dende o IMCE. Esta precariedade agrávase no caso das persoas que teñen contrato a media xornada.

Ilunion (unha empresa do Grupo Social Once) tampouco respecta o que marca o convenio sobre as vacacións, impondo períodos concretos ou denegando sen xustificación as solicitudes feitas polo persoal.

A isto súmase que o persoal de mantemento do Coliseum vese obrigado a realizar tarefas de montaxe e desmontado en eventos organizados por empresas privadas, cando este traballo non está recollido no prego de condicións. De feito, as entidades promotoras deses eventos son as que deben contratar persoal para a montaxe e desmontado e quen debe asumir este custe.

Implicación do Concello da Coruña

Diante disto, a CIG-Servizos da Coruña reclámalle ao Concello que interveña para garantir que a empresa concesionaria respecta os dereitos laborais e salariais do persoal e impedir que se repitan este tipo de irregularidades. Así mesmo, insta o Goberno municipal a abrir un proceso de remunicipalización do persoal que traballa para este organismo baixo para a empresa Ilunion e, en tanto isto non se materializa, cando menos sacar un pregos novos que actualicen as condicións do servizo.

Cómpre lembrar que o concurso para a prestación do servizo leva anos sen renovarse "nunha clara ilegalidade", que ademais provoca un incremento de custes para toda a cidadanía "acrecentando os problemas económicos do IMCE".