Presentada denuncia na Inspección contra a Garda Civil por esquirolaxe na folga das traballadoras de Yaunde
As dúas traballadoras que prestan o servizo de limpeza na Comandancia da Garda Civil de Lugo están en folga indefinida dende o pasado 7 de febreiro para esixir o cobro dos seus salarios, xa que a empresa adxudicataria, Yaunde SL, ten pendentes de abonarlles sete nóminas. Porén, a CIG tivo que presentar denuncia por esquirolaxe na Inspección de Traballo, xa que persoal da Garda Civil está facendo as tarefas que son propias destas dúas traballadoras.
Isto supón, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, que se está a substituír o persoal en folga, práctica que non está non permitida pola lexislación "pois nin o cliente nin a empresa poden suplir as persoas folguistas por outras traballadoras/es que non estiveran vinculadas coa empresa cando se fixo o preaviso da folga".
Ademais, lembra que non existen servizos mínimos porque non se trata dunha actividade esencial e o feito de que persoal da Garda Civil estea a facer estas tarefas minimiza a presión producida polo paro. Por iso, Paz solicita o cese inmediato desta actuación e que se respecte o dereito fundamental de folga das dúas traballadoras, "que xa bastante teñen que aturar con non cobrar os seus salarios".
Cómpre subliñar que Yaunde SL ten adxudicado o servizo de limpeza da Agrupación da Garda Civil de Tráfico de Lugo dende o ano 2021, pero a día de hoxe a empresa nin paga as nóminas, nin contesta aos correos, e nin sequera existe información fiábel sobre a súa situación financeira.
Para abordar esta problemática, a CIG mantivo unha xuntanza coa Subdelegada do Goberno en Lugo que se comprometeu a recoller información sobre a empresa e os plans do ministerio a respecto de manter ou rescindirlle o contrato ante este flagrante incumprimento dos pregos.
"Mais, dez días despois seguimos sen saber nada", lamenta Xosé Paz, quen chama a atención sobre a indefensión na que se atopan as traballadoras posto que "o FOGASA só cubre os primeiros 120 días de impago, pero Yaunde ten acumulada xa unha débeda de sete mensualidades".
Por iso, o representante da CIG urxe a administración estatal para que proceda á rescisión inmediata do contrato, que se garanta ao conxunto do persoal afectado (os impagos danse en todos os centros de traballo onde Yaunde presta servizos) que vai percibir os seus soldos, así como unha actuación contundente con este tipo de empresas pirata "que veñen facer negocio a conta dos cartos públicos e de roubarlle os salarios as traballadoras".