Presentada denuncia na Fiscalía polas irregularidades no servizo de transporte sanitario de altas e traslados do CHUAC
Ernesto López Rei, da FGAMT-CIG, explicaba ás portas da Audiencia que se acordou presentar esta denuncia contra o Xerente do CHUAC e o Responsábel de Recursos Económicos, logo de manter diversas reunións cos mesmos para exporlle a situación no servizo prestado por Ambulancias Xuvias, “sen que até o momento se adoptara ningunha medida ao respecto”.
Neste senso, subliña que no contrato público entre o SERGAS e Ambulancias Xuvias para as altas e traslados interhospitalarios no CHUAC, establécese que a empresa ten que contar con 10 vehículos a disposición do complexo, mais “a realidade é que como moito están dispoñíbeis 7 ambulancias, aínda que a administración paga como se estiveran operativas as 10”.
Ademais, con parte desas ambulancias, a empresa “realiza tamén servizos particulares fóra do contrato público”, e para a xestión dos mesmos, engade López Rei, “incluso utiliza o programa informático do SERGAS de comunicación de servizos aos condutores e condutoras”.
Nestes momento, a representación social ten constancia de que, como mínimo, se está a realizar un servizo privado tres días á semana, consistente no traslado dunha persoa dende o seu domicilio en Miño até o Hospital Juan Cardona en Ferrol. “Hai unha ambulancia que bota toda a mañá en Ferrol, cando debería estar prestando servizo na área sanitaria da Coruña, e pola que Ambulancias Xuvias factura aparte a unha compañía de seguros. É dicir, a empresa desvía vehículos e traballadores/as e factura dúas veces polo servizo: ao SERGAS e á compañías de seguros ou particulares”, denuncia López Rei.
Estas irregularidades, advirte, supoñen un prexuízo económico para a administración, en tanto o SERGAS paga por un servizo que non se presta; e doutra banda ocasionan un prexuízo asistencial aos usuarios e usuarias, que teñen que agardar máis tempo por unha ambulancia “pois hai menos vehículos dos estabelecidos no contrato, ou estando a disposición, as ambulancias están ocupadas nun servizo privado”.
Como exemplo máximo deste prexuízo, expuxo o caso dunha persoa que, desesperada polo elevado tempo de espera para o traslado do seu familiar, chamou a empresa para se queixar e dende a mesma lle indicaron que se pagaba tiña unha ambulancia de inmediato. “Desesperada porque levaba un montón de horas esperando, esta persoa aceptou pagar, pero a súa sorpresa foi que lle asignaron unha das ambulancias que estaba no túnel de ambulancias do CHUAC. É dicir, a empresa prioriza o servizo privado”, censura.
Esta situación foi posta en coñecemento do Responsábel de Recursos Económicos da Xestión Integrada en varias xuntanzas durante os anos 2014 e 2015, e o pasado 29 de febreiro, a representación sindical mantivo unha reunión co actual Xerente na que lle deu traslado desta circunstancia.
“Pero até agora non fixeron nada por resolver esta situación, polo que entendemos que pode haber un delito de malversación de fondos públicos e/ou prevaricación. En todo caso, o que está claro é que non están facendo o seu traballo”. Sobre isto, indicou que “o único que demandamos aos responsábeis da Xestión integrada é que controlen que efectivamente a empresa cumpre co contrato e se non o fai, que rescaten a concesión”.