Presentada denuncia contra os ministerios de Traballo e Facenda pola falta de solucións ás carencias da ITSS
As maioría das organizacións sindicais con representación na Inspección de Traballo e Seguridade Social formalizaron este mércores a denuncia contra os ministerios de Traballo e o de Facenda polo incumprimento dos acordos de medidas para resolver as deficiencias que sofre o organismo en materia de persoal, medios técnicos, organizativos etc.
A presentación da denuncia dirixida á Comisión Europea efectuouse esta mañá e no texto lémbrase que malia terse asinado o acordo vai camiño de dous anos (xullo de 2021), até o momento non se iniciaron os traballos para elaborar a nova Relación de Postos de Traballo nin se puxo en marcha ningunha das medidas contempladas no acordo.
Estes incumprimentos, subliñan, poñen en dúbida os compromisos recollidos no Plan Estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social 2021-2023 (BOE 3/12/2021) así como os que afectan á compoñente 11 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Ademais, entenden que o Goberno está vulnerando a Carta de Dereitos Fundamentais da UE no relativo ao dereito á negociación colectiva, xa que o acordado entre a representación sindical do persoal da ITSS e o ministerio do que depende este organismo fica pendente da validación de Facenda.
Nova fase de mobilizacións
Tras este paso, a plataforma sindical advirte que “entramos nunha segunda fase de mobilizacións no organismo que nos levarán, se nada o remedia, á convocatoria dunha folga indefinida no noso ámbito”. Previamente, volverán tentar abrir a interlocución tanto co ministerio de Traballo como co de Facenda, “así como realizar o necesario traballo de información entre todo o persoal que compón o organismo”.
Neste senso, reiteran que “non está na nosa man evitar” que as mobilizacións e o conflito vaian a máis “cando o deterioro da Inspección de Traballo e Seguridade Social está a chegar a uns niveis insostíbeis e observamos que todas as persoas responsábeis políticas con capacidade para poñer as solucións miran cara a outro lado e eluden a súa responsabilidade”.