Prepotencia do Grupo Deus non ten límites: entrega as cartas de despedimento reiterando que non pode pagar a indemnización
A prepotencia do Grupo Deus non coñece límites. Mentres as traballadoras van camiño de cumprir as tres semanas en folga, a empresa comezou onte mesmo a entregar as cartas de despedimento, que terán efecto o vindeiro 3 de abril. Nas comunicacións, a empresa fai constar que non pode pagar a indemnización que legalmente lles corresponde e mesmo aduce causas produtivas que non alegou na formulación do ERE.
Ás preguntas das traballadoras -que de xeito individual entraron á fábrica a recoller a súa carta de despedimento-, a empresa respondeu o de sempre: non hai liquidez e non vai afrontar nin un só euro do pago da débeda salarial, próxima xa ás seis mensualidades.
Hai que subliñar que nas propias comunicacións dos despedimentos a empresa fai constar que non pode abonar a indemnización legal de 20 días por ano traballado -cun tope de 12 mensualidades- que lle corresponde a cada unha das 103 afectadas polo despedimento por causas económicas.
Neste senso, para a CIG non deixa de chamar a atención que cando o Grupo Deus formulou os expedientes de regulación para tres das súas sociedades, alegaba exclusivamente motivos económicos. "Pois ben, nas cartas de despedimento tamén aduce causas produtivas, aínda que a única razón que achega é a suposta perda dun dos seus principais clientes. Porén, esta cuestión non foi contemplada na formulación do ERE e polo tanto non foi tratada na comisión de negociación", explica Dores Martínez, Secretaria Nacional da FGAMT-CIG.
Os despedimentos, ao xulgado
A este respecto, apunta que o venres 17 remataron os períodos de consultas dos EREs presentados para Shivshi (43 despedimentos dun cadro de persoal de 69) e Deus Creaciones (40 despedimentos dun total de 69) que, ao igual que no caso do expediente para Confecciones Deus (onde 20 empregadas irán á rúa), acabaron sen acordo. Acadar un entendemento foi imposíbel, pois a empresa reiterou en todo momento que non vai pagar nin a indemnización nin os salarios adebedados. Como tampouco achegou a documentación solicitada pola comisión negociadora nin contestou ao que se lle requiría dende a Consellería de Traballo.
Como a CIG ten anunciando, a partir do 3 de abril comezará a xudicialización dos despedimentos, pois a consecuencia da aplicación da reforma laboral do PP -que eliminou a autorización administrativa previa para a execucións dos EREs-, a única vía de recurso que lle queda as traballadoras é a xudicial. Precisamente, facilitar que empresas como esta poidan executar despedimentos colectivos sen ningunha garantía e sen ter causas obxectivas era unha das finalidades da reforma laboral.
"Lamentabelmente, isto suporá que a estas traballadoras aínda lles quedan moito tempo por diante para que, a través do FOGASA, se lle abone parte da débeda salarial que a empresa arrastra dende o ano 2016", critica Dores Martínez.
Nova marcha a pé
Diante destes abusos patronais, as traballadoras responden con dignidade e continúan adiante coa folga e as mobilizacións. Este mércores, 22 de marzo, realizarán unha nova marcha a pé dende as instalacións da empresa no Polígono Industrial até a Alameda de Ordes.