Preocupación no transporte sanitario non urxente de Ferrolterra pola adxudicación do servizo a unha UTE que concursou á baixa
“Entendemos que esta é unha baixada temeraria que non debe ser consentida pola Xunta, porque para poder axustarse ao prezo ofrecido a empresa nin vai poder respectar as condicións laborais e salariais marcadas no convenio colectivo, nin vai poder prestar unha asistencia de calidade aos usuarios e usuarias destas ambulancias”, advirte o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.
Doutra banda, para Pastoriza resulta rechamante que, en contra do criterio que a Xunta está a seguir de concentrar o sector nunhas poucas empresas pero de maior tamaño, a UTE Ambulancias Ortigueira está integrada nada menos que por sete empresas diferentes, “cando a anterior adxudicataria -a UTE Emersan-San Roquiño- estaba formada por dúas compañías que se repartían o traballo en toda a comarca”.
“Con esta decisión, a administración fomenta a atomización do sector, engadindo unha estratexia máis para deteriorar as condicións de traballo”, denuncia.
Diante disto, na tarde de onte, xoves, a CIG convocou unha asemblea de traballadores e traballadoras do transporte sanitario non urxente en Ferrol para avaliar e decidir as medidas a tomar contra esta situación e dirixirse á Xunta “para que mude o seu comportamento. En caso contrario, o persoal non descarta iniciar medidas mobilizadoras nas vindeiras semanas”.