Preguntas en torno ao novo ataque á comunidade kurda

Txente Rekondo - 29 Dec 2022

O último ataque racista contra a comunidade kurda en París deixa no aire varias preguntas, alimentadas pola actitude das autoridades ante este ataque e o atentado de 2013, nun contexto no que Turquía leva tempo utilizando Europa para atacar os seus «inimigos» e presionando os seus Estados para que persigan os refuxiados

 En vésperas do décimo aniversario da morte de tres importantes dirixentes kurdos nun atentado en París, o 6 de xaneiro de 2013, volveuse producir outro ataque contra os kurdos no mesmo distrito 10 de París. Sábese a identidade do atacante e os seus antecedentes racistas. E que o obxectivo foi a comunidade kurda.

 Mais mantéñense as preguntas. Semella que o atacante, a pesar dos seus antecedentes, non tivo dificultades para se armar e perpetrar o atentado a plena luz do día (non consta seguimento ou control oficial). Por que actuou con tanta liberdade? Algunhas fontes sinalan que foi levado até as proximidades do ataque nun coche. Quen o fixo? Por que as autoridades non reaccionaron ante as ameazas vertidas contra o centro kurdo semanas antes do ataque? De feito, a intervención policial non foi rápida, e foron os propios kurdos os que detiveron o atacante.

 Outro aspecto chave pode ser a convocatoria dunha importante reunión do movemento de mulleres kurdas (esperábanse unhas 60 persoas), para preparar as manifestacións do 4 e 7 de xaneiro polo décimo aniversario do atentado de 2013. Atrasouse no último momento e, por iso, talvez se puido evitar unha matanza máis grande. Coñecía a convocatoria o atacante? Quen lle deu a información?

 A sombra dos servizos secretos turcos paira sobre este atentado. Se cadra por iso, igual que en 2013, as autoridades francesas non mostran moito interese en esclarecer a súa autoría e patrocinio. En 2013 arrestouse a Omer Guney, un cidadán turco de 32 anos, como presunto autor do atentado. Morreu enfermo en prisión antes de ser xulgado. Ademais, tiña importantes conexións cos servizos de Intelixencia turcos (MIT).

 Desde aquela, as autoridades francesas clasificaron o caso como segredo de Defensa (unha especie de segredo de Estado), e negáronse a levantalo, impedindo ao xuíz instrutor e aos avogados das vítimas kurdas accederen aos informes dos servizos de Intelixencia galos, que manteñen vínculos oficiais co MIT.

 A presenza de importantes recursos dos servizos secretos turcos no Estado francés e noutros Estados europeos é dabondo coñecido polas autoridades locais. Turquía leva tempo utilizando Europa para atacar os seus «inimigos internos». En ocasións empregando os Lobos Grises ou lobos solitarios. Por iso, o interese turco por buscar tensar as relacións de París co movemento kurdo cabería na ecuación dos intereses en torno ao atentado.

 Cómpre non esquecer tampouco as presións de Ankara de cara a unha adhesión de Suecia e Finlandia á OTAN. As contrapartidas exixidas por Turquía son coñecidas, perseguir a militancia e os refuxiados kurdos (usalos como moeda de cambio) e aos seguidores do clérigo turco Fethullah Gülen.

 A terminoloxía oficial para se referir ao ataque tamén é importante. Non é igual cualificalo de «racista» ou de «terrorista». Desde o primeiro momento, as autoridades francesas parecen querer situarnos ante un ataque «racista», tratando de que o atentado non adquira pública e oficialmente as ramificacións políticas que implicaría a súa cualificación como «atentado terrorista».

 Ese intento de desviar o obxectivo kurdo do ataque choca con algúns datos que se foron coñecendo. As tres persoas mortas son kurdas, o ataque produciuse contra centros e estabelecementos kurdos, a pesar de que nesa mesma rúa hai negocios de cidadáns africanos. Nesa rúa sitúase a sede do Consello Democrático Kurdo de Francia, cuxos dirixentes trasladaran hai días ás autoridades a súa preocupación polas ameazas que estaban a recibir.

 O enfrontamento de Turquía co pobo kurdo é o eixo central. O atentado de hai dez anos tivo lugar cando se albiscaba un posíbel proceso de negociacións entre Recep Tayyip Erdogan e o pobo kurdo. Viuse a man do Estado profundo para boicotear o proceso.

 A actualidade ao redor de Rojava foi protagonista estas semanas. Tras o ataque de Istambul en novembro, Ankara acusou o movemento kurdo (algunhas fontes sinalan un ataque de falsa bandeira) e aproveitou a situación para atacar o pobo kurdo dentro das fronteiras de Siria, ameazando con outra invasión terrestre (freada por agora polas presións dos EUA).

 O xornalista Maxime Azadi buscou contextualizar os feitos e a desinformación ao redor da «ira» dos kurdos: «A carraxe non é nova. Durante meses, a comunidade kurda saíu á rúa para denunciar as invasións turcas e os crimes de guerra. Os medios occidentais non falan diso e os seus cidadáns non saben por que os kurdos están enfadados. Turquía é un aliado da OTAN. Ningún país occidental condena a este Estado xenocida».

 E como apunta un militante kurdo, «este ataque é unha continuación dos asasinatos de 2013. A poboación kurda xa non vive segura en Europa. Os kurdos non só somos perseguidos e asoballados no noso país de orixe. No corazón de Europa somos así mesmo o obxectivo dos fascistas e dos servizos secretos turcos, mais tamén dos aparellos de represión».

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 27 de decembro de 2022]