Preacordo no convenio de Instalacións Deportivas supón avances en salarios, xornada e materia social
A CIG vén de acadar un preacordo para o III Convenio galego de Instalacións Deportivas que suporá un aumento salarial do 1,5% para cada un dos tres anos de vixencia, así como importantes avances en cuestións sociais e de xornada para os e as máis de 3.000 traballadores/as do sector. O entendemento chega tras seis meses de negociacións, ralentizadas polo inmobilismo da patronal AXIDEGA, e deberá ser ratificado polas asembleas de persoal antes de acadar a sinatura definitiva.
Co segundo convenio caducado en 2016 e tras unha maratoniana xornada de doce horas de negociación, sindicatos e patronal acadaron na madrugada deste venres un preacordo para o III Convenio de Instalacións Deportivas, de ámbito galego. Os máis de 3.000 traballadores/as do sector votarán agora a ratificación dun preacordo que para a CIG-Servizos, a través do seu secretario nacional de negociación colectiva, Pedro Pérez, comporta numerosas melloras.
E é que fronte a proposta inicial da patronal AXIDEGA de 0´50, 0´75 e 1% de suba salarial, lógrase o 1,5% para 2016, 2017 e 2018, ademais de sumar as “mariñas” ao ámbito dun sector que xa englobaba piscinas, ximnasios e campos de golf, entre outros. Contémplase, tamén, a ampliación nos contratos dos traballadores/as fixos-discontinuos e a tempo parcial baixo varios criterios, así como a libranza dun fin de semana ao mes para o persoal con xornada de luns a domingo que presta servizos mediante rotacións. Asemade, inclúese dentro das categorías a de “monitor multidisciplinar”, que non constaba no anterior convenio.
No caso do dereito a permisos retribuídos para asistencias médicas, elimínase o requisito de “convivencia” e amplíase tanto a servizos públicos como a privados. No que respeita ás horas extraordinarias, se son en domingo ou festivo a compensación económica ou en descanso será de 1,75 por cada hora de traballo, mentres que no resto dos días suporá 1,50 euros/hora traballada.
Festivos e pluses
Establécense como mínimo tres días festivos anuais e tres medios días, que serán o 1 e 6 de xaneiro e o 25 de decembro, alén das tardes do 5 de xaneiro e 24 e 31 de nadal, onde a partir das 15h se pecharán as instalacións. Tamén hai avances no relativo a plus de toxicidade (pasa de 30 a 40 euros) e de nocturnidade (pasa do 15 ao 20% do valor da hora ordinaria) así como nas axudas de custo e seguros, se ben estes entrarán en vigor no capítulo económico a partir do 1 de xaneiro de 2017. O calendario laboral deberá ser comunicado pola empresa antes do 1 de decembro.
Vacacións
Os e as traballadores/as terán dereito a trinta e un días naturais de vacacións anuais -excluíndo festivos-, e establécese como período de goce para quince deses días o comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de cada ano. O persoal que ingrese ou cese no transcurso do ano computaráselle de forma proporcional ao tempo traballado.
Complemento ad personam
Este complemento será revalorizábel conforme ao IPC do ano inmediatamente anterior, pero tendo como tope o incremento salarial fixado no novo convenio para cada ano.
Sinatura o vindeiro 2 de novembro
No caso da ratificación por parte das asembleas do persoal do sector, o III Convenio Colectivo do sector de Instalacións Deportivas será asinado pola patronal AXIDEGA e as centrais CIG, CCOO e UGT o vindeiro 2 de novembro na sede do Consello Galego de Relacións Laborais.
Exclusividade da figura de socorrista (SOS)
De xeito parello ao preacordo, as centrais sindicais lograron clarificar coa Consellaría de Sanidade o posto exclusivo da figura de socorrista (SOS) nas piscinas, o que deriva na incompatibilidade para simultanearen outras funcións como a de monitor, tal e como se viña facendo nalgúns casos.