Preacordo no convenio das conservas de peixe ao garantirse o poder adquisitivo e avanzar na eliminación da fenda salarial
Sindicatos e patronal das conservas de peixe asinaron hoxe un preacordo sobre o convenio colectivo do sector que garante o poder adquisitivo dos cadros de persoal e avanza na eliminación da fenda salarial. O pacto, que foi ratificado pola CIG e pola UGT, recolle dúas das principais reivindicacións da central nacionalista: que a actualización dos soldos se faga en base ao IPC real e que se estableza un incremento adicional do 0,3 en cada un dos catro anos de duración do convenio (2021-24) para as categorías laborais ocupadas maioritariamente por mulleres. Unha vez logrado o preacordo, tanto a manifestación prevista para este sábado en Boiro como as xornadas de folga fixadas para marzo fican desconvocadas.
O preacordo, do que se desmarcou CCOO malia asegurar que o someterá a consideración das asembleas, produciuse tras case cinco horas de xuntanza da mesa negociadora que tivo lugar esta mañá en Madrid. Dende a FGAMT-CIG anunciaron que en breve porán en marcha un calendario de asembleas para someter a consideración das persoas traballadoras o preacordo como requisito imprescindíbel para a sinatura definitiva do convenio.
En canto ao contido do pacto, salientan que se establece un incremento salarial do IPC real en 2021 e a recuperación da cláusula de revisión salarial orixinal para todos e cada un dos anos de vixencia do convenio, “polo que queda garantido o poder adquisitivo das persoas traballadoras do sector sen fórmulas descafeinadas que deixan os salarios por debaixo do IPC”.
Deste xeito, a suba de soldos será dun 6,5% en 2021; en 2022 a suba inicial será do 1%, mais a final de ano aplicarase a cláusula de revisión salarial en base ao IPC real e cobraranse tamén os atrasos, cantidades que se consolidarán en táboas; finalmente, para 2023 e 2024 fíxase un incremento salarial inicial do 1,5% en cada un dos dous anos, aplicándose tamén a cláusula de revisión e o cobro de atrasos.
Eliminación da fenda salarial
Outra cuestión a destacar é o feito de que por primeira vez na historia deste convenio colectivo a CIG foi quen de avanzar na necesaria eliminación da fenda salarial por razón de xénero, para o que se acordou tamén un incremento salarial adicional do 0,3% por cada ano de vixencia do convenio para as categorías do grupo 5, ocupadas maioritariamente por mulleres. Ao mesmo tempo, crearase unha comisión técnica para traballar na eliminación da fenda salarial durante a duración do convenio.
Finalmente, dende a central sindical valoran moi positivamente que se lograse evitar que as empresas puidesen modificar a xornada laboral das actuais persoas traballadoras, para o que se estableceu unha quenda de fins de semana e festivos, con contratación indefinida e exclusiva a cargo da empresa, garantido o salario que corresponda por táboas e por categoría.
Ademais, as persoas que traballen nesta quenda ingresarán un plus de 35 euros por cada sábado e de 65 euros por cada domingo e festivo e terán preferencia á hora de cubrir as vacantes de tempo indefinido e con xornada de luns a venres que haxa nas empresas que poñan en marcha esta cuarta quenda.