Preacordo na limpeza hospitalaria do Salnés, Barbanza e Cee para equiparar as condicións
Representantes das Unións Locais da CIG do Salnés, Barbanza e Cee e da CIG-Servizos mantiveron onte unha xuntanza con responsábeis do Sergas e das empresas concesionarias da limpeza hospitalaria destas zonas que rematou cun preacordo para negociar a equiparación das condicións laborais ás do persoal do resto de centros do sistema sanitario galego.
O departamento autonómico comprometeuse a non licitar os servizos de limpeza nos tres hospitais mentres estes acordos de mellora das condicións de traballo non sexan incorporados aos convenios provinciais. Ao mesmo tempo, estableceuse un calendario de negociacións que dará comezo no primeiro trimestre deste ano e que deberá quedar pechado no primeiro semestre de 2027. No caso de Cee a licitación podería sufrir demoras tras o recurso presentado recentemente pola CIG contra o prego de condicións do concurso, xa que non contempla os incrementos salariais que establece o convenio.
As asembleas de persoas traballadoras celebradas hoxe en Cee e en Ribeira ratificaron o preacordo, mentres que está previsto que en Vilagarcía se faga esta mesma tarde a partir das 18:30 horas. En consecuencia, quedaría desconvocada tanto a folga indefinida cuxo inicio está previsto para este mércores día 21 como as mobilizacións, comezando pola concentración diante do Parlamento galego fixada para o xoves 22.
O obxectivo é rematar coa situación de discriminación laboral que padece o persoal dos centros de Ribeira, Vilagarcía e Cee, xa que a pesar de realizar o mesmo traballo que as compañeiras doutros servizos de limpeza hospitalaria non se lles recoñece aínda a equiparación co grupo E do Sergas e aplícaselles o respectivo convenio provincial da limpeza, polo que dispoñen de condicións inferiores en materia retributiva, de complementos, de permisos, de descansos e de xornada.