Preacordo asinado entre Vitrasa e o comité será sometido ás asembleas de traballadores/as
O comité de Vitrasa e a dirección da empresa asinaron hoxe un preacordo que suporía a suspensión da folga indefinida durante tres semanas no caso de que o cadro de persoal da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo aceptase en asemblea as propostas da compañía, o que permitiría abrir unha nova fase no proceso de negociación. As consultas aos traballadores/as terán lugar este mesmo venres 12 ás 10:00 e as 16:00 horas nas instalacións da estrada de Camposancos. Con este novo escenario, a manifestación prevista para hoxe queda desconvocada por decisión da maioría do comité.
Na xuntanza celebrada hoxe Vitrasa accedeu a retirar as sancións impostas a traballadores/as e representantes sindicais e ofreceu un 2,5% de suba salarial para o ano 2023, “que aínda se podería negociar á alza, de igual xeito que os anos anteriores pendentes (2021 e 20122)”. Tamén quedaría por establecer o incremento de soldos a partir de 2023 e durante os anos de duración do convenio que se acorden polas partes.
Segundo explican dende o comité, a empresa permitiría tamén o cambio de descanso e de quenda entre compañeiros/as sempre que non se incumpra o descanso mínimo legal e aumentaríalle o plus de nocturnidade ao persoal de taller.
As seguintes xuntanzas entre Vitrasa e o comité celebraranse coa mediación do AGA, para o que é preciso que a folga fique desconvocada. “Démoslle á empresa un prazo de tres semanas para comprobar se se producen avances, e en caso contrario volveríanse a convocar mobilizacións, aínda que dirección mantería a oferta trasladada no día de hoxe”.