Prazas e rúas galegas énchense de indignación contra a sentenza do Tribunal Supremo contra o Procés

As concentracións e manifestacións convocadas por Galiza con Catalunya sucedéronse en cidades e vilas
Nacional - 14 Out 2019

Centos de persoas encheron rúas e prazas nas concentracións convocadas pola plataforma Galiza con Catalunya, da que fai parte a CIG. Mobilizacións de rexeitamento dun xuízo “farsa” do que se sabía, xa antes de que se iniciara, que remataría –como así foi- cunha dura sentenza que pretende ser exemplarizante, contra os presos políticos que lideraron o proceso independentista e contra todo o pobo catalán.

No decurso das concentracións as e os manifestacións exixiron a liberdade dos presos políticos, demandaron o dereito a decidir do pobo catalán, denunciaron a sentenza do Tribunal Supremo e manifestaron a solidariedade de Galiza co pobo catalán.  Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto, subscrito pola CIG, do que reproducimos o seu contido.

MANIFESTO SOBRE A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO NO XUÍZO AOS PRESOS POLÍTICOS CATALÁNS

Despois de dous anos, no dia de hoxe foi publicada, por fin, a sentenza do Tribunal Supremo contra os presos políticos cataláns. Esta sentenza condena o conxunto a penas de 100 anos de prisión ao recoñecer o delito de sedición e o de malversación.

Desde a Plataforma Galiza con Catalunya levamos tempo a denunciar este xuízo como unha farsa. Como a necesaria cobertura xudicial que o réxime español pretende dar a unha decisión que é política, e que consiste en taparlle a boca a mais da metade da poboación que se manifestou activamente a favor da consulta do 1 de Outubro, e aos mais de dous millóns que votantes que participaron no referendo para apoiar a proclamación da República Catalá.

Durante o xuízo, tivemos que asistir ás delirantes xustificacións do Estado e das súas forzas represivas pola violencia que desataron contra a poboación civil que, de maneira pacífica, ordenada e incluso festiva, acudiu aos colexios para decidir o que querían facer co seu país no futuro inmediato.

Asistimos tamén á criminalización das protestas nas rúas, e aos intentos de identificar líderes sociais e políticos con instigadores da violencia. Incluso puidemos comprobar como os xuíces inventaban nomes e situacións por ser incapaces de ter a mais elementar comprensión da lingua catalá — o que dá para a vista o tipo de Estado que é o español e a incapacidade para entender e respectar outras culturas e identidades.

Agora, a cabalo desa incompetencia e, sobre todo, dese pensamento único, pretenden que aceptemos esta sentenza, que xa leva moitos meses escrita e gardada nun caixón. Saben, sen embargo, que non a aceptaremos. Saben que haberá mobilizacións de solidariedade noutras nacións igualmente negadas, como Euskal Herria e a Galiza. Mais sobre todo saben que haberá resposta en Catalunya, á que xa enviaron reforzos para conter a indignación.

A oportuna fabricación dunha organización "terrorista" catalá, a insistencia en relacionar os CDR cunha violencia que nunca existiu e a aplicación do dereito penal do inimigo a calquera que se opuxer á súa idea de unidade de España (non só en Catalunya) demostran o tipo de Estado que é o español e a baixísima calidade da súa democracia de cartón. E fan aínda máis urxente o noso berro:

DEMOCRACIA E LIBERDADE!

— Galiza, 14 de Outubro de 2019.