PP e PSOE rexeitan a ILP para a restauración do texto fidedigno do himno galego e manteñen a súa versión deturpada

A comisión promotora cualifica o seu voto como un “desprezo absoluto” aos nosos símbolos
Nacional - 26 Set 2023

O catedrático da UDC Manuel Ferreiro, máxima autoridade en Pondal e no himno galego, defendeu esta mañá, en sede parlamentaria, a “Proposición de Lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura. Unha ILP que contou cos votos a favor do BNG pero que foi rexeitada polo PP e o PSOE, malia ter chegado ao Parlamento de Galiza avalada por preto de 16.000 galegos e galegas, por distintas declaracións institucionais ou mocións de deputacións e concellos e co apoio de entidades e asociacións de diferentes ámbitos.

Para Ferreiro a decisión que tiñan que tomar as deputadas e deputados na cámara era clara, “ou deixamos un texto hímnico deturpado, incorrecto, mesmo parcialmente falso, ou optamos pola verdade, recuperando o texto correcto e certo, como corresponde á dignidade do símbolo, das institucións e, en definitiva, do país”. E ante esta directa interpelación, os grupos parlamentarios popular e socialista optaron polo primeiro: deixar o texto deturpado, incorrecto e mesmo parcialmente falso rexeitando a ILP e propondo a creación dunha comisión parlamentaria para estudar os posíbeis cambios.

Un desprezo absoluto

Ante isto, o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, valorou con contundencia que a posición do PP e do PSOE “é un desprezo absoluto aos preto de 16.000 galegos e galegas que avalaron esta iniciativa e unha completa desconsideración á investigación que se levou a cabo para constatar que a letra do himno está deturpada”.

Xunto a isto considerou que a súa decisión “unicamente se pode entender por un desprezo aos nosos símbolos” e rexeitou a xustificación de constituír unha ponencia no Parlamento. “Isto podíase facer tomando a ILP en consideración e mesmo pedir todos os informes que se viran necesarios”, dixo, engadindo que, en todo caso “é cínico, inxustificábel e inaceptábel que estando presentado este tema desde o ano 1996, hai 27 anos, agora veñan con que votan en contra porque necesitan máis informes”.

Máis grave aínda valorou o feito de que non solicitaran eses informes cando a comisión promotora da ILP se entrevistou con todos os grupos parlamentares para presentar a iniciativa o pasado mes de marzo e transcorridos seis meses “non tiveron tempo a facelo”.

Por iso Louzao afirmou que é tanto máis incomprensíbel o rexeitamento de PP e PSOE a “facer xustiza histórica” logo de recoñecer que, efectivamente o himno está deturpado, porque isto tería que levar a modificalo segundo a súa letra fidedigna, “como cando se comprobou que Rosalía de Castro non nacera o 24 de abril, senón o 23 e se modificou a data”.

O portavoz de Vía Galega denunciou ademais que a decisión de PP e PSOE, ás portas dunha nova convocatoria electoral, ten por obxectivo “non abordar a restauración da letra do himno, que quedará unha vez máis esquecida”. E adiantou que, malia isto, Via Galega e Galiza Cultura “van continuar batallando até que, por fin, se faga xustiza histórica”. Porque a restauración do noso himno, como ben explicou Ferreiro na defensa da ILP no pleno do Parlamento, xustifícase por “razóns de xustiza e de reparación da verdade dun dos nosos símbolos fundamentais” que, en palabras de Pondal, “nos identifica publicamente como fillos e fillas da nazón de Breogán”, isto é, como galegos e galegas.

Percorrido pola historia

Na súa intervención Manuel Ferreiro fixo, primeiro, un percorrido pola historia e, despois, pola cadea de erros incorporados no seu proceso de transcrición e divulgación. A este respecto subliñou que a edición orixinal foi a realizada polo poeta e polo músico en 1890, mais que a difusión real do texto produciuse en Cuba, na revista Galicia, onde foi publicado en dúas ocasións “inzado de todo tipo de erros de impresión e/ou interpretación” que chegaron aos nosos días.

Posteriormente publícase no Boletín de la Real Academia Gallega á morte do poeta, reproducindo a versión difundida en Cuba e, finalmente, ese texto pasa á compilación da lírica pondaliana que a Academia Galega realiza no centenario do poeta, en 1935. Edición da que Ferreiro considerou que a Lei de Símbolos tirou o texto.

Deficiencias textuais

Entre as deficiencias textuais sinalou, alén dalgunha incorrección na puntuación, que na versión oficial desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo; nivelacións lingüísticas de menor transcendencia, mais que non corresponden ao orixinal pondaliano (transparentes, ao, mais), xunto cunha mudanza con importancia métrica e estilística (o artificial soo en vez do orixinal e certo sós); formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano como ronco, “xamais utilizado por Pondal” e un hiperenxebrismo que, afirmou, “repugnaría ao poeta”, como iñorantes.

Isto xunto a aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega, como féridos ou a deturpación da expresión orixinal, con chan en vez de clan ‘pobo’, “un celtismo garantido absolutamente polos usos pondalianos, incluídas as redaccións manuscritas”, matizou.

Lembrou que o propio Pondal foi consciente destas deturpacións, que quixo corrixir, sen ter a posibilidade de facelo. Unha oportunidade que, dixo, “pode e debe” agora realizar a Parlamento mais que o non fixo, polos votos en contra de PP e PSOE.

Intervención íntegra de Manuel Ferreiro

Señor Presidente, Señoras Deputadas, Señores Deputados, diríxome a todos vostedes, que representan a voz e o voto do pobo galego, para defender a “Proposición de Lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”.

Para comezar, permítanme, aínda que a coñezan, lembrar moi sinteticamente a historia do noso himno.

Nun contexto en que estaban a consolidarse as diversas nacionalidades europeas, con ou sen estado, os pobos comezan a crear e/ou fixar os seus símbolos nacionais, entre eles o himno. É certo que o primeiro, A Marsellesa, é de 1795; porén, só a mediados do s. XIX é cando o proceso se produce en toda a Europa (en xeral, entre 1830 e 1870). Felizmente, Galiza incorporouse a este movemento, e na década de 1880 xurdiron múltiplas voces e comezan as primeiras propostas hímnicas (catro desde 1880 a 1890, e cerca dunha decena nas tres décadas posteriores).

Entre todas as propostas, xurdidas entre 1880 e 1925, foi a de 1890, a de Pascual Veiga e Eduardo Pondal a triunfante. Vexamos como se xestou.

Naquela altura,  en 1890, Eduardo Pondal era, sen dúbida, o poeta nacional, presente e actuante no noso territorio, pois Rosalía morrera en xullo de 1885, e Curros estaba fóra do país, como xornalista en Madrid desde 1883 (posteriormente marchou para Cuba en 1894).

Foi por isto que, en marzo dese ano, Pascual Veiga se dirixe ao poeta para que escriba um texto que á maneira da Marsellesa “sexa cantado en toda a Galiza co entusiasmo que desperta no ánimo o Sentimento da patria”. O 5 de abril Pondal envíalle un poema de 7 estrofas que resulta satisfactorio para o músico, mais en carta de dous días despois (7 de abril) solicítalle que introduza acento rítmico sistemático na 2ª sílaba de todos os versos. Unha semana despois Pondal envía o texto definitivo, con nove estrofas, do poema que hoxe coñecemos como Os Pinos, que, agora si, comprace ao músico mindoniense.

Pascual Veiga fixera este encargo a Pondal porque, como director do Orfeón nº 4 da Coruña, estaba a organizar un concurso musical, de carácter internacional, en que se contemplaba un premio destinado a galardoar a mellor “marcha” musical escrita para orfeón sobre o poema «Os Pinos», isto é, o poema que Veiga solicitara previamente a Pondal. Fallouse o premio o 30 de agosto e resultou premiada a partitura presentada por Ivo Gotós, que non foi interpretada finalmente e que ficou no esquecemento. Con todo, Pascual Veiga tiña preparada a súa partitura, e, efectivamente, sabemos que despois de 1890 houbo algunha actuación que incluía o himno; mais a verdade é que o noso himno parece esvaerse até que reaparece na Habana, onde se produce a súa primeira interpretación institucional e solemne como himno galego no día 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro da capital cubana na velada de homenaxe a Pascual Veiga (que morrera no ano anterior, en 12 xullo de 1906), seguindo a partitura que Xosé Fontenla Leal solicitara a Pascual Veiga en carta de 31 de maio de 1906. Posteriormente, o Centro Galego, por mor do impulso e perseveranza do mesmo Fontenla, adóptao como oficial (13 decembro de 1908).

A oficialización do himno no seo da importante e influente colectividade emigrante de Cubaprovoca a súa adopción polos sectores máis conscientes da sociedade galega, nomeadamente polas Irmandades da Fala, que, preterindo outras propostas existentes, estenderon o seu uso e presenza social, ao tempo que se foi estabelecendo o cerimonial de interpretación, sempre co público en pé e actitude respectuosa.

De calquera xeito, o himno ficou definitivamente consolidado cando o Partido Galeguista nos seus principios políticos o consagra como “himno nacional”:

O noso himno nacional é o himno galego, escrito pol-o gran poeta Eduardo Pondal e con música do compositor Pascual Veiga. Iste himno foi titulado pol-o seu autor OS PINOS, porque n-il os piñeiros representan os nosos antepasados que chaman por nós pra que defendamos a nosa Patria, a Patria galega.

 

A historia máis recente é máis coñecida: a guerra civil interrompeu a marcha normal dos acontecementos, o himno ficou prohibido na práctica e foi felizmente restaurado en 1984 por este Parlamento, que, consciente da importancia e do alto valor institucional e social dos símbolos (escudo, bandeira, himno), oficializou o Himno no artigo 4 da Lei de Símbolos.

Mais vaiamos ao texto...

A edición “canónica” (orixinal) do texto do poema pondaliano é, sen dúbida, a realizada polo poeta e polo músico no folleto do certame musical de 1890.

A partir de aquí permítanme que, pola súa importancia, faga a xenealoxía da súa divulgación até hoxe. A difusión real do texto do himno produciuse en Cuba, na revista Galicia (Órgano general de la colonia gallega y sociedades regionales en Cuba y defensor de los intereses gallegos en América), onde foi publicado en dúas ocasións (nº 18, 30-4-1905; nº 31, 4-8-1907), inzado de todo tipo de erros de impresión e/ou interpretación que desgrazadamente chegan a hoxe. De aquí, da Habana,retornou ao noso país en 1909 a través do libro Apuntes para la historia del Centro Gallego de La Habana de 1879 á 1909alí publicadoe pasou á revista Vida Gallega de Vigo (nº 28, 31-11-1910).As coincidencias textuais mostran que, sen dúbida ningunha, a fonte do texto do himno foi a revista Galiciade 1905, pois –cuestión ben importante!– Fontenla non tiña aínda a copia manuscrita autógrafa do texto, xa que foi despois, en 29 de abril de 1910, cando solicita por carta esa copia a Pondal.

O terceiro elo desta cadea textual é a publicación do texto pondaliano á morte do poeta no Boletín de la Real Academia Gallega (nº 116, 1-4-1917), que recolle a versión difundida a partir de Cuba polo citado libro Apuntes e pola revista Vida Gallega. E, finalmente, o último elemento da transmisión é o paso deste texto á compilación da lírica pondaliana que a Academia Galega realiza no centenario do poeta, en 1935, cando publica o que daquela se consideraba a súa obra completa: Queixumes dos pinos (2ª edición) y Poesías inéditas de Eduardo Pondal.

Con case total certeza, foi desta edición de 1935 que a Lei de Símbolos tirou o texto pondaliano, inevitabelmente contaminado dos erros que historicamente foron transmitidos por mor das grallas ou erratas iniciais dos seus difusores na revista Galicia da Habana.

Esta é a cadea de transmisión dos erros nacidos, case todos eles, na publicación de 1905 na revista Galicia, como xa dixemos. Sinteticamente, velaí as deficiencias textuais que presenta a versión oficial do Himno:

  1. Problemas de presentación e de disposición textual: alén dalgunha incorrección na puntuación, na versión oficial desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo (pregunta aos piñeiros, na primeira estrofa, e resposta destes nas estrofas seguintes).
  2. Nivelacións lingüísticas de menor transcendencia, mais que non corresponden ao orixinal pondaliano (transparentes, ao, mais), xunto cunha mudanza con importancia métrica e estilística (o artificial soo en vez do orixinal e certo sós).
  3. Presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano: un castelanismo evidente, xamais utilizado por Pondal (*ronco) e un hiperenxebrismo que repugnaría ao poeta, introducido precisamente na edición académica de 1935 (*iñorantes).
  4. Aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (*féridos).
  5. Deturpación da expresión orixinal mediante un proceso de banalización textual, con chan en vez de clan ‘pobo’, un celtismo garantido absolutamente polos usos pondalianos, incluídas as redaccións manuscritas (cf. o céltico clannos autógrafos conservados).

É certo que os textos cantados tenden a sufrir acomodacións na fala de cada persoa que o interioriza e o expresa no canto. Mais ningún destes cambios (lémbrese: castelanismos, hiperenxebrismos, deformacións, interpretacións erradas) son produto da intervención popular nin da súa asunción por parte de todos os que cantan o Himno.

Ao contrario, estas mudanzas son resultado de:

  1. Os erros da súa impresión na Habana en 1905 (e 1907) e a súa posterior difusión a partir do libro de 1909 sobre a historia do Centro Galego que, sen dúbida ningunha, o recolleu da antecitada revista Galicia de 1905.
  2. A intervención dunha man da Academia que en 1935 introduciu o anómalo iñorantes.
  3. O traslado desde a edición de 1935 á Lei de Símbolos en 1984 que, alén de manter todos os erros acumulados historicamente, eliminou algúns signos de puntuación e, sobre todo, as indicacións de texto dialogado.

O propio poeta, Eduardo Pondal, foi consciente destas deturpacións textuais, que tiña de coñecer pola súa publicación en 1910 en Vida Gallega, dirixida por Jaime Solá, con quen o poeta mantiña moi boas relacións. En carta a Xosé Fontenla Leal, de 11 de xaneiro de 1913, ao tempo que lle envía unha décima estrofa que Fontenla lle pedira para facer simétrico o texto do poema, Pondal advírteo de que “o texto do noso himno contén non poucas erratas, e xa veremos de corrixilas oportunamente”. Infelizmente, o estado de saúde de Pondal non permitiu esa actuación correctora e restauradora, que agora o Parlamento pode e debe realizar, 115 anos após a primeira interpretación, pública e solemne, do himno na Habana, 133 anos despois da súa escrita e publicación.

De todos os puntos de vista, a versión certa do himno é a que esta ILP presenta, adaptado, claro está, á grafía moderna vixente. As probas son indiscutíbeis, e o texto presentado é o verdadeiro texto de Eduardo Pondal, sen esa acumulación de anomalías lingüístico-textuais contraditorias coa escrita pondaliana.

Alén de podermos seguir paso a paso a sucesiva introdución dos erros, as probas absolutamente obxectivas son ben firmes:

  1. O texto da publicación no prospecto do Certame Musical de 1890, sen dúbida revisado polo poeta, a que podemos sumar o borrador autógrafo conservado con múltiplas redaccións diverxentes.
  2. A existencia dun recorte desa publicación que o poeta conservou, onde fixo unha única corrección que afectaba só ao título do poema (Os Pinos > Breogán).
  3. A carta de 1913 en que Pondal “denuncia” a presenza dos erros que xa non puido corrixir por cuestións de idade e de saúde.
  4. Finalmente, o feito de que erros do mesmo teor aparezan tamén nas restantes estrofas do poema: de ningún modo se poderá suxerir que son produto do proceso de asunción do himno polo pobo, que nunca as coñeceu nin cantou. Só a modo de exemplo, pois o tempo desta miña intervención non me permite máis, véxase o que acontece coa última estrofa do poema (vv. 65-72) nas edicións posteriores a Pondal, por exemplo na de 1935:

                              Estima non s’alcanza

                              cun vil gemido brando,

                              calquer requer rogando

                              con voz qu’esquecerán;

                              mas cun rumor gigante,

                              sublime e parecido

                              ó intrépido sonido

                              das armas de Breogán!».

 

   O inicio non ten sentido, porque, na realidade, o terceiro verso é cal quen requer rogando, isto é, ‘como alguén que solicita rogando’, que é o único texto certo e posíbel do punto de vista semántico.

Despois da Lei de Símbolos de 1984, non é esta a primeira vez que o himno chega ao Parlamento: en 1996 foi creada unha ponencia conxunta, presidida por D. Victorino Núñez, onde eu comparecín precisamente pola publicación do estudo De Breogán aos Pinos. O texto do himno galego en que estas alteracións foron expostas e xustificada a necesidade da súa rectificación. Aínda máis tarde, en 2002, foi aprobada por unanimidade unha proposición non de lei sobre a integridade do himno (4 estrofas, 32 versos) e a necesidade dunha campaña de difusión. E, finalmente, en 2017, de novo chegou o himno ao Parlamento a partir da publicación do volume Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa), da profesora e ex-deputada D. Pilar García Negro, con petición aos grupos parlamentares para interesarse de novo pola restauración da letra certa do Himno.

Tamén é certo que algunha institución emitiu en 2003 informe contrario á restauración do texto verdadeiro do himno. Porén, as circunstancias non son as mesmas (xa van aló 20 anos), o coñecemento avanza, a acumulación de probas continúa o seu camiño, e estou seguro de que o autor ou autores do informe serán conscientes da nova documentación.

Teño a honra de defender esta ILP, avalada con máis de 16.000 sinaturas recollidas en pouco tempo. Cando se pase ao seguinte trámite, espero que consideren globalmente o que o poeta e os nosos devanceiros querían e cantaban.

Non é só un dereito, é tamén un deber cívico de todos nós e mais de todos vostedes, dosparlamentarios e parlamentarias, é un deber superlativo estarmos atentos ao avance do coñecemento, á posibilidade de restauración do texto certo do himno, para confirmar a súa integridade e asegurar a súa difusión real a partir das institucións que nos representan a todos os galegos, tal como esta ILP propón.

Temos un himno procedente dunha peza literaria escrita por un dos pais da patria, por un dos alicerces da nosa literatura contemporánea, Eduardo Pondal. É certo, o himno puido ser outro (por exemplo, o de Alfredo Brañas con música de Luís Taibo); mesmo, se cadra, se fose difundido desde o interior do país, non presentaría os problemas derivados da súa impresión nas rotativas cubanas. Mais este é o “noso” himno, un símbolo que non é de ninguén porque é de todos, un himno pacífico e pacifista, o iniciodun poema que comeza cunha pregunta, un texto democrático cunha chamada cívico-patriótica como corresponde a calquera himno.

Fico obrigado pola atención que todos vostedes me concederon. O certo é que estamos perante unha disxuntiva: ou deixamos un texto hímnico deturpado, incorrecto, mesmo parcialmente falso, ou optamos pola verdade, recuperando o texto correcto e certo, como corresponde á dignidade do símbolo, das institucións e, en definitiva, do país. Fago, pois, un apelo a que esta cámara vote unanimente para que a proposta desta iniciativa sexa aceptada e pase ao seguinte trámite. Estou seguro de que a examinaron e a valoraron con toda a atención e todo o respecto que tal cuestión merece, pois atinxe a un dos nosos símbolos fundamentais, que, en palabras de Pondal nos identifica publicamente como “fillos e fillas da nazón de Breogán”, isto é, como galegos e como galegas.

Grazas, de novo, pola súa atención!