Posición galega sobre o proceso electoral do 6 de decembro en Venezuela
En setembro rexeitamos taxativamente as terxiversadas e tendenciosas conclusións dun “informe” promovido polo Consello de Dereitos Humanos da ONU, por carecer da máis mínima credibilidade, por ser unha monumental fraude. Nestes dous meses constatamos o acertado diagnóstico e denuncia realizada.
A contundente vitoria do MAS nas eleccións en Bolivia, o multitudinario voto afirmativo para mudar a constitución pinochetista na consulta realizada en Chile, a crise institucional en Perú, a perda de credibilidade de Bolsonaro,e a recente derrota electoral de Trump nos Estados Unidos, teñen contribuído a aliviar a presión imperialista contra a Revolución Bolivariana.
Se os fracasos golpistas e as frustradas tentativas de intervencións militares contra o lexítimo goberno de Nicolás Maduro constatan os apoios populares ao proceso, a guerra económica contra a Venezuela segue endurecéndose.
O bloqueo internacional promovido polos Estados Unidos e a Unión Europea, continúa inalterábel provocando estragos nas condicións de vida do pobo traballador venezolano. O acaparamento, a sabotaxe, as restricións na produción industrial e limitación na distribución e tránsito de mercadorías, son os principais responsábeis polo desabastecemento de bens de consumo esenciais.
A iniciativa do Encontro Mundial contra o Imperialismo da Galiza, as organizacións e forzas políticas, sindicais e entidades sociais abaixo asinantes, solicitamos á comunidade galega residente en Venezuela e aos emigrantes venezolanos no noso país, que o 6 de decembro apoien as candidaturas chavistas e bolivarianas nas eleccións lexislativas para renovar a Asemblea Nacional.
Unha contundente vitoria electoral chavista e bolivariana é a mellor garantía para imposibilitar que o imperialismo e os seus aliados da oligarquía local, podan reinstaurar en Caracas un goberno monicreque ao servizo dos monopolios e as multinacionais.
O Encontro Mundial contra o Imperialismo da Galiza apela ao conxunto das forzas políticas, sindicais e sociais da Galiza, a activar a solidariedade internacionalista co pobo da Venezuela e a Revolución Bolivariana, perante as cada vez máis graves agresións políticas e diplomáticas, as ameazas de intervención militar, a que está sendo sometida polo imperialismo.
Alertamos o pobo traballador galego a non deixarse manipular pola desinformación, a estar alerta perante a axenda golpista que pretende deslexitimar a transparencia do proceso electoral do 6 de decembro.
Encontro Mundial contra o Imperialismo da Galiza
- A Gentalha do Pichel
- Agora Galiza-Unidade Popular
- Bloque Nacionalista Galego
- Centro Social O Fuscalho
- Confederación Intersindical Galega
- Erguer Galiza
- Estudantes Antifascistas
- Federación Rural Galega
- Fundación Moncho Reboiras
- Fundaçom Artábria
- Galiza Nova
- Isca!
- Mar de Lumes. Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
- Marcha Mundial das Mulleres - Galiza
- Plataforma Antifascista Galega
Galiza, 4 de decembro de 2020