Por unha xubilación digna para todas e todos
Menos de ano e medio despois de aprobar a última reforma das pensións, o Goberno español prepara unha modificación da xubilación parcial e da anticipada por coeficientes redutores. Na súa practica habitual, o executivo autodenominado ‘máis progresista da historia’ usurpa os dereitos de representación institucional das centrais coa condición de máis representativas, como a CIG, e suplanta os organismos oficiais polo diálogo social, ese gran enterrador de dereitos.
En resposta á falta de información sobre o que se está a negociar, a CIG ten en marcha unha campaña en defensa do dereito a unha xubilación digna para todas e todos. Neste marco, o pasado 9 de maio, realizáronse concentracións diante da Delegación do Goberno na Coruña e as Subdelegacións de Pontevedra, Lugo e Ourense.
As protestas terán continuidade o próximo 5 de xuño coa celebración de asembleas en todas as comarcas e mobilizacións diante das oficinas do INSS para reivindicar transparencia, que se teñan en conta as propostas da CIG nestas materias e os seus dereitos de participación institucional.
Con este obxectivo, e a instancias da CIG, o secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníronse o 16 de maio en Madrid co secretario de estado de Seguridade Social.
No encontro denunciouse a opacidade e o secuestro que fai o Goberno español deste cambio normativo a través do diálogo social, saltándose os organismos públicos, e a negativa a respectar o papel institucional de todos os sindicatos que, como a CIG, teñen a condición de máis representativos.
Constátanse os recortes
Confirmouse tamén que se pretende avanzar nunha solución que endurecerá a xubilación parcial, acabando con este dereito aos 61 anos, estabelecéndoa a partir dos 63 e só para un colectivo limitado. Ademais, advirte Carril, esta reforma “non vai ser xusta nin no recoñecemento de coeficientes redutores para moitos sectores de actividade, nin tampouco o mecanismo terá a axilidade para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para novas actividades e profesións que teñen condicións especialmente penosas, perigosas e de insalubridade”.
Para González Sío chamou a atención como o Ministerio de Seguridade Social se suma “de maneira entusiasta” á aposta pola privatización da sanidade pública ao colaborar na posta en marcha do que a patronal estatal, CCOO e UGT pactaron no V AENC para que os procesos de IT e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas sexan tratadas polas mutuas, que “xa son hoxe un instrumento de abuso enorme”.
Cualificou de “escandaloso que o Goberno actúe ao ditado deste VAENC sen pasar polo Congreso nin por ningún ámbito institucional, nunha materia tan crítica como son os coidados da saúde das persoas traballadoras”.
A CIG reclama que se restabeleza o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para a industria manufactureira; recuperar a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións; e recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.