“Por un Monte Galego con Futuro” rexeita o Plan Forestal imposto polo PP con mobilizacións en toda Galiza
A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro, da que a CIG fai parte, desenvolveu este domingo 22 concentracións en cidades e vilas galegas. Unha acción descentralizada en demanda da paralización do Plan Forestal imposto polo PP; da adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro.
Ao remate das accións deuse lectura a un manifesto conxunto no que se resumen as demandas da plataforma e que, de seguido, reproducimos:
Por un Monte Galego con Futuro
10 razóns de por que o Plan Forestal que impón o goberno do PP é negativo
As organizacións abaixo asinantes rexeitamos na súa integridade a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, tanto a versión exposta a información pública (2018) como a presentada actualmente (2021) no Consello Forestal de Galiza, con vistas a ser aprobado no primeiro trimestre de ano.
Así mesmo, solicitamos a súa anulación e a elaboración dunha nova planificación do monte a partir do Inventario Forestal Galego (aínda en elaboración) e seguindo como principios reitores a necesidade de afrontar a emerxencia climática, a preservación da diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos do monte, o aumento significativo do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos e a sustentabilidade económica e social.
O anuncio da moratoria por parte do goberno galego prodúcese a escasas horas despois de aprobar un novo Plano Forestal Galego, que significa o recoñecemento do grave problema económico e ambiental que ten Galiza polo monocultivo do eucalipto.
Mais con todo, denunciamos que non ten valor ningún xa que non se estableceron as medidas específicas para aplicala de maneira efectiva mediante un reforzamento das medidas de control e vixilancia, impedindo, como está sucedendo, novas plantacións de eucalipto.
Pola contra, está a xerar un “efecto chamada” polo cal, desde o seu anuncio, se están a intensificar as novas plantacións (legais e ilegais) con esta especie.
Por outro lado, a moratoria sería só a primeira medida necesaria. No desenvolvemento do inventario forestal galego, a Xunta debera identificar e cuantifiar aquela superfice do monte galego que foi ocupada ilegalmente con eucalipto e cuxa vocación orixinal debe ser reparada o antes posible.
As razóns polas que rexeitamos na súa integridade este Plano Forestal e demandamos a súa anulación imediata son :
- Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. globulus e do E. nitens. A 1ª revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.
- Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.
- Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.
- Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m3 de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m3 de cortas/ano.
- Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.