'Por un monte galego con futuro': "A Xunta atrasou a prevención de lumes até finais de agosto"
A Plataforma “Por un monte galego con futuro” compareceu esta mañá en rolda de prensa para denunciar o incumprimento total de boa parte das medidas contempladas no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galiza (Pladiga) e as desastrosas políticas forestais que se están a levar a cabo dende a Xunta.
As organizacións que promoven esta campaña denunciaron que o plan de prevención e defensa contra incendios da Xunta de Galiza “fai augas por todas partes” e subliñaron que foi precisamente a “anómala situación climática deste verán a que contivo a vaga de lumes forestais, que estoupou definitivamente en setembro”.
Fronte a isto defenderon que “a mellor extinción é a que non ten que facerse” e apostaron por investir en prevención “para que os lumes non cheguen a producirse”. Por iso denunciaron a “deixadez de funcións da administración “tanto en prevención como en extinción” e lembraron que “nin se fixo o mantemento axeitado das estruturas de defensa contra os lumes (cortalumes, devasas, faixas auxiliares...), nin nos montes de xestión propia, nin nos que están conveniados”.
Tal foi así que, segundo explicaron, na Orde de axudas para prevención de incendios nos montes veciñais en man común e nas Sofor, a Consellería do medio rural resolveu no último día de prazo e a notificación foi publicada no DOG 21 días despois (o 15 de xullo). “Como resultado disto, até pasado mediados de agosto non se recibiron as comunicacións para poder iniciar os traballos, tendo de prazo para a execución dos mesmos ate o 31 de outubro”, afirmaron.
Nese sentido sinalaron que aínda a finais de agosto estaban algúns concellos a publicar, nos boletíns provinciais, as convocatorias de selección de persoal para as brigadas municipais, polo que non estarían operativas até ben adiantado setembro.
Diante desta situación denunciaron que “este goberno está absolutamente desnortado no que se refire á prevención e extinción de lumes, e mentres o Conselleiro se dedica a saír día si e día tamén nos medios públicos galegos gabándose dunha grande política antiincendios, o que realmente se ve é unha absoluta descoordinación dos medios, cando non ausencia, e unha falta de planificación na prevención”.
Fronte a isto chamaron a atención sobre o “desmedido interese en investir nos contratos de medios aéreos con grandes empresas que fan negocio co lume, ou nun convenio co exército mentres as brigadas que realmente se baten co lume xogándose a vida, fano cunha enorme precariedade (tanto salarial, como de medios materiais e humanos)”.
Por iso as organizacións asinantes do manifesto por un Monte Galego con Futuro, defenderon que o PLADIGA teña carácter anual e que se aprobe no último trimestre do ano anterior ao de aplicación establecendo obxectivos claros de prevención de incendios forestais. Isto xunto coa creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios, que dea resposta tanto aos labores de prevención que se deben efectuar ao longo do ano, como dos que sexan necesarios para a extinción dos lumes que se produzan.
Neste sentido rexeitaron que se deixen os plans de prevención en mans dos concellos, porque “moitos carecen dos medios e do persoal para poder mesmo elaboralos, xa non digamos executalos” e defenderon a súa elaboración a nivel de Distrito, facendo os Concellos as adaptacións territoriais necesarias.
“Só con medidas deste tipo, xunto coas outras que se recollen no manifesto Por un Monte Galego con Futuro, se conseguiría realmente un monte produtivo, multifuncional, base dunha economía sustentábel que crease emprego e fixase poboación no rural e que evitase a catástrofe incendiaria que vimos padecendo nos últimos tempos”, concluíron.
Desastrosa xestión da praga do nematodo do piñeiro en Galiza favorecendo a súa expansión pola Península ibérica
No tocante á xestión de pragas, na rolda de prensa aseguraron que tampouco se está a facer unha grande aposta polo control e as medidas de prevención, como ocorreu coa do nematodo do piñeiro. Lembraron que logo da súa entrada en Galiza, no sur da provincia de Pontevedra, e de ter que declarar a zona en corentena -coa obriga de retirar toda a madeira afectada-, “xa en 2016 a Unión Europea cuestionou as medidas de seguimento, control e trampeo implantadas pola Xunta”.
Por iso consideraron que “a Xunta non está a usar as súas propias ferramentas e os controis están recaendo maioritariamente na Policía e Garda Civil, sen apoio do corpo de Axentes Forestais” e matizaron que “tamén é sabido o continuo intercambio de madeira con Portugal sen ningún tipo de control a través das pistas forestais que comunican ambas rexións”.
A política de montes sen participación social e cidadá
Todas estas eivas enmarcáronas dentro dunha política forestal que consideraron“á deriva e dependente dos grandes intereses especulativos”. Neste senso denunciaron que non se está a contar coas organizacións sociais e sectoriais para a análise da situación e a elaboración de propostas para a política forestal de Galicia e lembraron que nas últimas xuntanzas do Consello Forestal de Galicia, o conselleiro do Medio Rural “non escoitou as propostas en materia forestal que realizaban as organizacións presentes, aludindo sempre aos ditames da Comisión Parlamentaria sobre os Lumes como únicas propostas a ter en conta para o desenvolvemento dos programas e accións en materia de montes”.
Diante disto, denunciaron a escasa participación cidadá, a través das organizacións sociais e sectoriais, na elaboración das políticas nacionais, “incumprindo todas as directrices europeas ao respecto”. E denunciaron tamén que sexan as sete persoas escollidas polo parlamento para conformar o Grupo de expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galiza sobre Incendios Forestais –que presentaron onte mesmo as súas conclusións en sede parlamentaria- “quen marquen a política forestal a aplicar nos vindeiros anos para os montes de Galiza”, advertiron.
Canda isto afirmaron que este informe “vén dar amparo ás nefastas políticas forestais aplicadas pola Xunta”, ao propor unha serie de medidas para a extinción dos lumes, que poden ser consideradas positivas e necesarias, pero que non deben ser o centro das políticas antiincendios, que deberían basearse na prevención, algo ao que apenas fai mención.