‘Por un monte galego con futuro’ convoca unha manifestación nacional

O domingo 20 de outubro dende a Alameda de Santiago ás 12:00 horas
Nacional - 07 Out 2019

A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, da que fai parte a CIG, convoca unha manifestación nacional para o día 20 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. A plataforma fai un chamamento á mobilización porque, no actual contexto de mudanza climática, o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os efectos do quecemento global, como reservas de carbono, mais tamén de ecosistemas que garantan o mantemento desa biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión.

A plataforma lembra que o 94% do noso territorio é superficie rural e “hoxe está baixo un risco potencial, visto cal é o deseño que para o monte galego ten o PP ou o Goberno español do PSOE a través do Ministerio de Transición Enerxética”. Unha visión de “gran eucaliptal” que é precisamente o contrario a favorecer a “biodiversidade nun medio rural vivo”.

Por iso rexeita tanto o borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático como o Plan Forestal que tramita a Xunta de Galiza e demanda a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, contando cunha participación equilibrada de todos os axentes sociais e que siga, como principios reitores, a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de uso, o fomento do arborado autóctono, unha moratoria do eucalipto, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, e a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.