Por que seguirá a gañar o sistema?
Non estará claro que consecuencias terán Trump ou o Brexit, aínda que sen dúbida serán máis limitadas que as predicións actuais. A orde establecida está lonxe de estar derrotada en ningún dos dous países e, como demostrou Grecia, é capaz de absorber e neutralizar a unha velocidade impresionante as revoltas desde calquera dirección
Brexit, vitoria de Trump, movementos populistas de Europa: desde a esquerda á dereita, Occidente protesta contra as ortodoxias neoliberais e globalistas dos últimos 40 anos.
Hai 25 anos era usual utilizar o termo “movementos antisistema” (1) para caracterizar a forzas da esquerda que se erguían contra o capitalismo. Actualmente non perdeu relevancia en Occidente, aínda que cambiou o seu significado. Os movementos de revolta que se multiplicaron na última década xa non se rebelan contra o capitalismo, senón contra o neoliberalismo -fluxos financeiros desregulados, servizos privatizados e aumento da desigualdade social, esa variante específica do reinado do capital establecido en Europa e Estados Unidos desde a década de 1980-. A orde económica e política resultante foi aceptada case indistintamente por gobernos de centrodereita e de centroesquerda, de acordo co principio fundamental da pensée unique [pensamento único], o ditado de Margaret Thatcher de que “non hai alternativa”. Hoxe, preséntanse dous tipos de movementos contra este sistema. A orde establecida acentúaos de ameaza do populismo, xa sexa de dereita ou de esquerda.
Non é casual que estes movementos aparecesen antes en Europa que en Estados Unidos. Sesenta anos despois do Tratado de Roma, a razón é clara. O mercado común de 1957, un produto da comunidade do carbón e do aceiro do Plan Schuman, concibido tanto para evitar calquera retorno dun século de hostilidades franco-alemás como para consolidar o crecemento económico da posguerra en Europa occidental, foi o produto dun período de pleno emprego e aumento dos ingresos populares, afianzamento da democracia representativa e desenvolvemento dos sistemas de benestar. As súas disposicións comerciais incidiron moi pouco na soberanía das nacións que o formaban, que resultaron máis fortalecidas que debilitadas. Os orzamentos e os tipos de cambio determinábanos internamente os parlamentos nacionais que tiñan que render contas ao electorado nacional e nos que se debatían enerxicamente políticas opostas politicamente. París rexeitou os intentos de se agrandar da Comisión de Bruxelas. Non só Francia baixo a dirección de Charles de Gaulle, senón tamén, ao seu propio xeito máis discreta, Alemaña Occidental baixo Konrad Adenaue seguiron unhas políticas exteriores independentes de Estados Unidos e capaces de desafialo.
O final dos Trento glorieuses supuxo un cambio fundamental para esta construción. Como analiza o historiador estadounidense Robert Brenner, (2) desde mediados da década de 1970 o mundo capitalista avanzado entrou nunha longa recesión: taxas de crecemento máis baixas e aumentos máis lentos de produtividade década tras década, menos emprego e maior desigualdade, salpicados de fortes recesións. Desde a década de 1980 invertéronse as direccións políticas, comezando en Reino Unido e Estados Unidos para a continuación estenderse a Europa gradualmente: recortáronse os sistemas de benestar, privatizáronse as industrias e servizos públicos, e desreguláronse os mercados financeiros. Chegara o neoliberalismo. En Europa isto ocorreu co tempo para adoptar unha forma institucional excepcionalmente ríxida: a cantidade de Estados membros do que era a Unión Europea multiplicouse por máis de catro ao incorporar unha vasta zona de baixos salarios no leste.
Austeridade draconiana
Desde a unión monetaria (1990) ao Pacto de Estabilidade (1997) e despois a acta do Mercado Único (2011) anuláronse os poderes dos parlamentos nacionais nunha estrutura supranacional de autoridade burocrática protexida da vontade popular, tal como profetizara o economista ultraliberal Friedrich Hayek. Unha vez instalada esta maquinaria púidose impoñer aos electorados indefensos a austeridade draconiana baixo a dirección conxunta da Comisión e unha Alemaña reunificada, agora o Estado máis poderoso da Unión, onde importantes pensadores anuncian francamente a súa vocación de hexemonía continental. Externamente, no mesmo período a UE e os seus membros deixaron de desempeñar calquera papel significativo no mundo contrario ás directrices estadounidenses e convertéronse na vangarda das políticas dunha nova Guerra Fría respecto de Rusia establecidas por Estados Unidos e pagadas por Europa.
Así pois, non é de estrañar que ao desobedecer a vontade popular nos sucesivos referendos e incorporar ao dereito constitucional os decretos orzamentarios, o cada vez máis oligárquico elenco da UE xere tantos movementos de protesta na súa contra. Que panorama ofrecen estas forzas? No núcleo da UE anterior á ampliación, a Europa occidental da era da Guerra Fría (a topografía de Europa oriental é tan diferente que se pode deixar de lado a este respecto), os movementos de dereita dominan a oposición ao sistema en Francia (Fronte Nacional), os Países Baixos (Partido para a Liberdade, PVV), Austria (Partido da Liberdade de Austria), Suecia (Demócratas Suecos), Dinamarca (Partido do Pobo Dinamarqués), Finlandia (Finlandeses Verdadeiros), Alemaña (Alternativa para Alemaña, AfD) e Gran Bretaña ([Partido da Independencia de Reino Unido] UKIP).
No Estado español, Grecia e Irlanda predominaron os movementos de esquerda: Podemos, Syriza e Sinn Fein. De xeito excepcional, Italia ten tanto un forte movemento antisistémico de dereita en Lega como outro aínda maior máis aló da división esquerda/dereita no Movemento Cinco Estrelas (M5S): a súa retórica extraparlamentaria sobre as taxas e a inmigración sitúao á dereita aínda que á esquerda o sitúa a súa traxectoria parlamentaria de continua oposición ás medidas neoliberais do goberno de Matteo Renzi (particularmente respecto da educación e da desregulación do mercado laboral) e o seu papel fundamental na derrota da aposta de Renzi para debilitar a constitución democrática de Italia (3). Pódese engadir Momentum, que xurdiu en Gran Bretaña tras a inesperada elección de Jeremy Corbyn como líder do Partido Laborista. Todos os movementos de dereita excepto AfD son anteriores á crise de 2008; algúns remóntanse á década de 1970 e mesmo antes. Syriza creceu e M5S, Podemos e Momentum naceron a consecuencia directa da crise financeira.
O feito fundamental é o maior peso global dos movementos de dereita respecto dos de esquerda, tanto pola cantidade de países onde teñen vantaxe como por forza de voto. Ambos son reaccións á estrutura do sistema neoliberal, que atopa a súa expresión máis marcada e concentrada na actual UE, coa súa orde baseada na redución e privatización dos servizos públicos, a derrogación do control e a representación democráticos, e a desregulación dos factores de produción. Os tres están presentes a nivel nacional en Europa, como noutras partes, pero ten un nivel maior de intensidade a nivel da UE, como testemuñan a tortura de Grecia, o feito de pasar por riba dos referendos e a magnitude do tráfico de persoas. No ámbito político esas son as cuestións que máis preocupan á poboación e moven as protestas contra o sistema respecto de a austeridade, a soberanía e a inmigración. Os movementos antisistema diferéncianse pola importancia que outorgan a cada un, a que cor da paleta neoliberal son máis hostís.
Os movementos de dereita predominan sobre os de esquerda porque desde moi cedo fixeron súa a cuestión da inmigración xogando coas reaccións xenófobas e racistas para lograr un amplo apoio entre os sectores máis vulnerábeis da poboación. Con excepción dos movementos nos Países Baixos e Alemaña, que acreditan no liberalismo económico, iso está tipicamente vinculado (en Franca, Dinamarca, Suíza e Finlandia) non á denuncia do Estado de benestar senón á súa defensa; afírmase que a chegada de inmigrantes o mina. Pero sería erróneo atribuír toda a súa vantaxe a esta carta, en exemplos importantes (a Fronte Nacional (FN) en Francia é o máis significativo) tamén teñen vantaxe noutras frontes.
A unión monetaria é o exemplo máis obvio. A moeda única e o Banco Central, deseñados en Maastricht, fixeron da austeridade e a negación da soberanía popular un sistema único. Os movementos de esquerda poden atacalos tan vehementemente como calquera movemento de dereita, senón máis. Pero as solucións que propoñen son menos radicais. Á dereita, o FN e Lega teñen remedios claros para as tensións da moeda única e a inmigración: saír do euro e deter o fluxo. Á esquerda, con excepcións illadas, nunca se fixeron unhas demandas tan inequívocas. No mellor dos casos, substitúense por axustes técnicos da moeda única, demasiado complicados para ter moita aceptación popular, e por alusións vagas e avergoñadas ás cotas, que os votantes non entenden tan doadamente como as claras propostas da dereita.
O reto da cada vez maior emigración
A inmigración e a unión monetaria crean dificultades especiais á esquerda por razóns históricas. O Tratado de Roma baseouse na promesa do libre movemento de capital, mercadorías e man de obra dentro dun mercado común europeo. Mentres a Comunidade Europea estivo confinada a países de Europa occidental, os factores de produción onde máis importaba a mobilidade eran o capital e as mercadorías: en xeral a migración a través das fronteiras internas da Comunidade eran bastante escasa. Pero a finais da década de 1960 xa eran significativas as cifras de man de obra inmigrante procedente das antigas colonias africanas, asiáticas e caribeñas, e de rexións semicoloniais do antigo imperio otomán. Máis adiante a ampliación da UE cara ao leste de Europa incrementou drasticamente a migración interna da UE. Para rematar, as aventuras neoimperialistas nas antigas colonias do Mediterráneo -o bombardeo de Libia e o alimentar por intermediación a guerra civil en Siria- provocaron grandes vagas de refuxiados a Europa, xunto con represalias terroristas por parte de militantes procedentes dunha rexión na que Occidente continúa instalado como cacique, coas súas bases, os seus bombardeiros e as súas forzas especiais.
Todo isto provocou xenofobia: os movementos antisistema de dereita alimentáronse dela e os movemento de esquerda loitaron contra ela leais á causa do internacionalismo humano. Os mesmos compromisos subxacentes levaron á meirande parte da esquerda a opoñer resistencia a calquera idea de acabar coa unión monetaria, o que se considera unha regresión a un nacionalismo responsábel das pasadas catástrofes de Europa. Para eles o ideal de unión europea segue sendo un valor esencial. Pero a actual Europa de integración neoliberal é máis coherente que calquera das vacilantes alternativas que propuxeron até o de agora. Austeridade, oligarquía e mobilidade de factores forman un sistema interrelacionado. A mobilidade de factores non se pode separar da oligarquía: historicamente non se consultou a ningún electorado europeo acerca da chegada de man de obra estranxeira ou sobre a magnitude desta; isto sempre ocorría ás súas costas. A negación da democracia, que se converteu na estrutura da UE, excluía desde o principio calquera opinión acerca da composición da súa poboación. O rexeitamento desta Europa por parte de movementos de dereita é máis consecuente politicamente que o da esquerda, outra razón da vantaxe da dereita.
Uns niveis récord de descontento dos votantes
A chegada de M5S, Syriza, Podemos e o AfD marcou un aumento do descontento popular en Europa. As enquisas actuais rexistran uns niveis récord de desafección dos votantes á UE. Pero, xa sexan de dereita ou de esquerda, o peso electoral dos movementos antisistema segue sendo limitado. Nas últimas eleccións europeas os tres mellores resultados para a dereita -UKIP, o FN e o Partido do Pobo Dinamarqués- supuxeron aproximadamente o 25 % dos votos. En eleccións nacionais a cifra media en toda Europa occidental para estas forzas de dereita e de esquerda unidas é de aproximadamente o 15 %. Esta porcentaxe de electorado supón unha ameaza pequena para o sistema; o 25 % pode representar unha dor de cabeza, pero a día de hoxe o “perigo populista” do que alertan os medios segue sendo moi modesto. Os únicos casos nos que un movemento antisistema chegou, ou parecería que podería chegar, ao poder son aqueles nos que un mal reparto deliberado de escanos, a través dunha prima electoral creada para favorecer á clase dirixente, sae mal ou pode saír mal, como en Grecia e Italia.
En realidade, existe unha enorme diferenza entre o grao de desilusión popular coa actual UE neoliberal (o verán pasado as maiorías en Francia e o Estado español expresaron a súa aversión a ela e mesmo en Alemaña apenas a metade das persoas preguntadas tiña unha opinión positiva dela) e a magnitude do apoio a forzas que se declaran contrarias a ela. É común a indignación ou a aversión por aquilo no que se converteu a UE, pero desde hai algún tempo o determinante fundamental das pautas das eleccións europeas foi, e segue sendo, o medo. Detéstase de xeito xeneralizado o statu quo socioeconómico, aínda que este é ratificado regularmente nas eleccións coa reelección daqueles partidos que son responsábeis del debido ao temor a que alterar o devandito estatus e alarmar os mercados implique unha miseria aínda maior. A moeda única non acelerou o crecemento en Europa e inflixiu enormes penalidades aos países do sur máis afectados. Pero a posibilidade dunha saída aterroriza mesmo aquelas persoas que agora saben canto sufriron por ela. Hai máis medo que ira. De aí a conformidade do electorado grego coa capitulación de Syriza ante Bruxelas, os reveses de Podemos en España, o arrastrar de pés do Parti de Gauche en Francia. O que subxace en todas as partes é o mesmo. O sistema é malo, facerlle fronte é arriscarse a un castigo.
Entón, como se explica o Brexit? En toda a UE témese a inmigración masiva. Ese temor fomentou a campaña a favor da saída en Reino Unido, campaña na que Nigel Farage foi un destacado orador e organizador, xunto con importantes conservadores. Pero por si mesma a xenofobia non é en absoluto suficiente para ter máis peso que o temor a un colapso económico. En Inglaterra, como en todas as partes, foi crecendo a medida que un goberno tras outro mentía acerca da magnitude da inmigración. Pero si o referendo sobre a UE fose simplemente unha contenda entre estes medos, como tentou facer a clase dirixente política, sen dúbida o voto a favor de permanecer gañaría por unha ampla marxe, como ocorreu no referendo de 2014 sobre a independencia escocesa.
Había outros factores. Despois de Maastricht a clase política británica rexeitou a camisa de forza do euro, só para seguir cun neoliberalismo nativo máis drástico que calquera dos do continente: en primeiro lugar, o desmedido orgullo financializado do Novo Laborismo que sumiu a Gran Bretaña nunha crise bancaria antes que calquera outro país de Europa, a continuación un goberno conservador-liberal demócrata dunha austeridade máis drástica que calquera das xeradas en Europa sen unha coacción externa. Os resultados desta combinación son únicos economicamente. Ningún outro país europeo se polarizou tan drasticamente por rexións entre metrópoles pechadas nunha burbulla e con altos ingresos en Londres e o sueste, e un norte e nordeste empobrecidos e desindustrializados onde os votantes consideran que teñen pouco que perder votando a favor de saír (que, significativamente, é unha perspectiva máis abstracta que abandonar o euro), pasase o que pasase á City e o investimento estranxeiro. O medo contou menos que a desesperación.
Desde o punto de vista político, tampouco ningún outro país europeo manipulou tan descaradamente un sistema electoral: UKIP era o maior partido británico individual en Estrasburgo baixo representación proporcional en 2014, pero un ano máis tarde, co 13 % dos votos, obtivo unha soa praza en Westminster, mentres que o Partido Nacional Escocés, con menos do 5 % obtivo 55 escanos. Segundo os intercambiábeis réximes laborista e conservador producidos por este sistema, os votantes situados na parte inferior da pirámide de ingresos deixaron de votar. Pero cando de súpeto se lles concedeu deu, por unha vez, unha verdadeira posibilidade nun referendo nacional, regresaron en masa para dar o seu veredicto sobre as devastacións de Tony Blair, Gordon Brown e David Cameron.
Para rematar, e de forma contundente, está a histórica diferenza entre Gran Bretaña e o continente Durante séculos o país non só foi un imperio que empequeneceu culturalmente a calquera rival europeo, senón que, a diferenza de Francia, Alemaña, Italia ou a maior parte do resto do continente non sufriu derrota, invasión ou ocupación ningunha en ningunha das dúas Guerras Mundiais. Polo tanto, a expropiación dos poderes locais por parte dunha burocracia en Bélxica estaba máis abocada ao fracaso que noutros lugares: Por que un Estado que derrotara dúas veces o poder de Berlín debería de someterse á mesquiña intromisión de Bruxelas ou Luxemburgo? As cuestións de identidade poderían superar máis doadamente ás cuestións de interese que no resto da UE. Así pois, non funcionou a fórmula normal (o medo a un castigo económico é superior ao medo á inmigración estranxeira), resentida por unha combinación de desesperación económica e amour-propre nacional.
Estados Unidos salta na escuridade
Estas foron tamén as condicións nas que un candidato republicano á presidencia de Estados Unidos cuns antecedentes e un temperamento sen precedentes (abominábel a ollos da opinión bipartidista dominante, sen facer o menor intento de se axustar aos códigos aceptados de conduta civil ou política, e que non gusta a moitos dos seus votantes) puido atraer a suficientes traballadores brancos do cinto industrial desprezados como para gañar as eleccións. Como en Gran Bretaña, a desesperación foi maior que a aprehensión nas rexións proletarias desindustrializadas. Tamén aí e dun xeito moito máis cru e aberto, nun país cunha historia máis profunda de racismo nativo, se denunciou os inmigrantes e esixíronse muros, tanto físicos como procedementais. Sobre todo, o imperio non era un recordo afastado do pasado, senón un vívido atributo do presente e unha reivindicación natural respecto ao futuro, aínda que fose deixado de lado por quen estaba no poder en nome dunha globalización que significou a ruína para a xente común e a humillación para o seu país. O eslogan de Donald Trump era “Make America Great Again” [Que Estados Unidos volva ser grande], que logrou desfacerse dos fetiches do libre movemento de produtos e man de obra, e ignorar as ataduras e devocións do multilateralismo: non erraba ao proclamar que o seu triunfo era un ostensíbel Brexit. Foi unha revolta moito máis espectacular xa que non se limitou a unha única (e para a maioría da xente, simbólica) cuestión e careceu de toda respectabilidade da clase dirixente ou bendición mediática.
A vitoria de Trump sumiu a clase política europea, centrodereita e centroesquerda unidos, nunha indignada consternación. É bastante malo rachar coas convencións establecidas sobre a inmigración. Poida que a UE tivese poucos escrúpulos en pechar os refuxiados na Turquía de Recep Tayyip Erdogan, coas súas ducias de miles de presos políticos, a súa tortura policial e a suspensión do que se entende polo imperio da lei, ou en mirar cara a outro lado ante as barricadas de arame de espiño en toda a fronteira norte de Grecia para manter os refuxiados nas illas do Exeo. Pero, respectando as convencións diplomáticas, a UE nunca se gabou abertamente das súas exclusións. A falta de inhibición de Trump nestas cuestións non afecta directamente á UE. O que si lle afecta, e é motivo dunha preocupación moito máis grave, é o seu rexeitamento da ideoloxía do libre movemento de factores de produción e, aínda máis, a súa displicente indiferenza pola OTAN e os seus comentarios acerca de manter unha actitude menos belixerante con Rusia. Haberá que ver se algo disto é máis que un xesto que axiña caerá no esquecemento, como moitas das súas promesas referentes a cuestións internas. Pero a súa elección materializou unha importante diferenza entre unha serie de movementos antisistema de dereita ou dun centro ambiguo e partidos de esquerda, rosas ou verdes convencionais. En Francia e Italia os movementos de dereita opuxéronse sistematicamente ás políticas da nova Guerra Fría e ás aventuras militares aplaudidas polos partidos de esquerda, incluíndo o bombardeo sobre Libia e as sancións a Rusia.
O referendo británico e as eleccións estadounidenses foron unhas convulsións antisistema da dereita, aínda que estiveron acompañadas por significativos incrementos antisistema da esquerda (o movemento de Bernie Sanders en Estados Unidos e o fenómeno de Corbyn no Reino Unido), de menor escala, aínda que menos esperados. Non estará claro que consecuencias terán Trump ou o Brexit, aínda que sen dúbida serán máis limitadas que as predicións actuais. A orde establecida está lonxe de estar derrotada en ningún dos dous países e, como demostrou Grecia, é capaz de absorber e neutralizar a unha velocidade impresionante as revoltas desde calquera dirección. Entre os anticorpos que xa xerou están os simulacros yuppies de avances populistas (Albert Rivera en España, Emmanuel Macron en Francia), que arremeten contra becos sen saída e corrupcións do presente, e prometen unha política máis limpa e dinámica no futuro, máis aló dos partidos decadentes.
Está clara a ensinanza dos últimos anos para os partidos antisistema de esquerda en Europa. Para non ser superados polos movementos de dereita non se poden permitir ser menos radicais á hora de atacar o sistema e deben ser máis coherentes na súa oposición a este. Iso significa facer fronte á probabilidade de que a UE sexa agora tan dependente de decisións previas na súa condición de construción neoliberal que xa non se poida pensar seriamente en reformala. Habería que desfacela antes de poder construír algo mellor, xa sexa rompendo a actual UE ou reconstruíndo Europa sobre outras bases e botando Maastricht ao lume. A menos que se produza outra crise económica máis profunda, ningunha das dúas opcións é moi probábel.
_____________________________________________________________________________
Notas:
(1) Por parte de Immanuel Wallerstein, Giovanni Arrighi e outros.
(2) Robert Brenner, The Economics of Global Turbulence: the Advanced Capitalist Economies from Long Boom to Long Downturn 1945-2005, Verso, Nova York, 2006.
(3) Raffaele Laudani, “Renzi’s fall and Dei Battista’s rise”, Le Monde diplomatique, edición inglesa, xaneiro de 2017.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 16 de marzo de 2017]