Por que os capitalistas xa non queren ser ecolóxicos?

Emiliano Brancaccio - 10 Out 2023

A transición ecolóxica só pode ter aceptación entre as masas se os seus custos sociais non se repercuten nos salarios, senón nos beneficios e as rendas. Noutras palabras, necesitaríase o que poderiamos chamar unha "lei da caída ambiental da taxa de beneficio", unha caída que lograse afastar o risco de catástrofe climática

 Seica entre os círculos máis altos das finanzas capitalistas, a transición ecolóxica xa non concita o mesmo nivel de apoio que outrora. Hai unha facción crecente entre os capitalistas ricos que cuestiona o que chaman a excesiva rixidez das medidas necesarias para reducir as emisións contaminantes. A idea agora en voga é que a transición ecolóxica está a producirse demasiado rápido e existe o risco de que o aumento dos custos de produción se faga insostíbel.

 O cambio de enfoque nas altas esferas do poder déixase sentir en case todo o mundo. O seu actual abandeirado é o Primeiro Ministro conservador británico, Rishi Sunak, que cuestionou non só o ritmo de redución de emisións, senón tamén os propios obxectivos ecolóxicos, antes amplamente aceptados no Reino Unido.

 As repercusións desta nova tendencia tamén se deixan sentir en Italia. Na recente Cimeira Italiana da Enerxía do Sole 24 Ore [influente xornal económico equivalente ao Financial Times] o Conselleiro Delegado do ENI falou da nova "doutrina" de Sunak, defendendo a necesidade de reducir os obxectivos europeos de transición ecolóxica, e posibelmente de adaptalos ás características específicas de cada país. Con "adaptar", por suposto, referíase a axustar á baixa.

 A tendencia á alza do "capitalismo antiecolóxico" tamén parece imporse nun asunto de actualidade como é o da antiga planta de ILVA en Taranto. Semella terse rexeitado a idea de que o Estado recapitalizase a planta, levando a cabo a súa reconversión ecolóxica e a restauración do terreo. O goberno de Meloni non quere pór máis diñeiro público no proxecto da planta siderúrxica "verde", alegando na súa defensa que non podían venderlles isto aos contribuíntes.

 O resultado é que o procedemento proposto polo accionista privado Arcelor Mittal se converteu no único que queda: isto é, que tanto lles ten o impacto ambiental e seguirán a producir cos altos fornos actuais a un ritmo decrecente, até que se esprema a última pinga de beneficio e a planta se abandone á súa sorte como ruína da sobreprodución mundial.

 Pero, por que a facción antiecolóxica do capital vai gañando terreo en case todas as partes, en detrimento da que está disposta polo menos a coquetear coas cuestións medioambientais? A resposta é tan fácil de dar como amarga de recoñecer. Os capitalistas contrarios ao medio ambiente pescan apoios entre unha clase traballadora fragmentada, xa golpeada pola inflación, que, aínda que poida estar de acordo coas advertencias sobre o cambio climático, tamén parece cada vez máis preocupada polos custos da transición ecolóxica.

 E, até certo punto, teñen todo o dereito a estalo. Un dos defectos máis graves das políticas ambientais dos últimos anos é que con frecuencia se financiaron con prezos máis altos para todos, independentemente dos ingresos, con impostos regresivos e coa eliminación das subvencións aos produtos tradicionais máis baratos; en resumo, con medidas que pesan moito sobre os máis pobres, o que resulta un escarnio, xa que o consumo de luxo é, de feito, a maior fonte de emisións.

 Neste escenario, existe un risco real de que, nos círculos das altas finanzas, a cuestión ecolóxica perda por completo o seu atractivo. Neses círculos, o que antes era a liña de Trump -e agora é a liña de Sunak- pode chegar a ser cada vez máis respectábel. E non sería de estrañara que algún negacionista do cambio climático acabe sendo convidado a Davos en lugar de Greta Thunberg nun próximo futuro.

 Hai algunha lección que poidamos tirar desta fase de clara crise na política ambiental? Unha delas, bastante evidente, é que a transición ecolóxica só pode ter aceptación entre as masas se os seus custos sociais non se repercuten nos salarios, senón nos beneficios e as rendas. Noutras palabras, necesitaríase o que poderiamos chamar unha "lei da caída ambiental da taxa de beneficio", unha caída que lograse afastar o risco de catástrofe climática.

 É posíbel conseguilo co libre mercado, como ás veces lles gusta de suxerir aos círculos do capitalismo ecoloxista? Malia todas as fantasías sobre os beneficios das chamadas "finanzas verdes", a resposta é que non. Por moito que amole os ricos, sexan ou non partidarios do medio ambiente, só pode haber unha solución: unha versión nova e innovadora dun plan colectivo.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 7 de outubro de 2023]