Por que caeu tan rápido o goberno sirio e que consecuencias ten para a rexión?

Marc Vandepitte - 18 Dec 2024

A caída de Assad é para os Estados Unidos parte da súa estratexia para limitar a influencia iraniana na rexión e reforzar a Israel. O feito de cortar o chamado «eixo xiíta» (que vai de Irán ao Líbano, pasando por Iraq e Siria) supón unha vitoria para Washington e Tel Aviv.  Israel está a reforzar a súa posición. Siria era fundamental para o fornecemento de armas a Hamás e Hezbolá. A caída de Assad é un duro golpe para ambos os movementos de resistencia

 A caída de Assad cambia o equilibrio de poder en Oriente Medio. A rexión no seu conxunto, incluído o Cáucaso Meridional, pódese enfrontar a novos conflitos.

 Ninguén vira vir a caída de Assad, e moito menos que ocorrería tan axiña. Que explica a rapidez coa que se invadiu o país? Entran en xogo varios factores.

Illamento

 Nos últimos anos a poboación siria apartouse case unanimemente do presidente Assad. As duras e, segundo o dereito internacional, ilegais sancións económicas de Occidente provocaran o colapso da economía e empobreceran a amplos sectores da poboación.

 Assad buscou o achegamento aos Estados do Golfo nun intento de reanimar a economía. Pero foi implacábel e exixiu a estas nacións que financiasen a reconstrución do país en compensación por apoiar os rebeldes xihadistas. Os Estados do Golfo negáronse, en parte pola implicación do goberno sirio na produción e distribución de captagon, unha droga que alagara a rexión do Golfo.

 Isto reforzou o illamento de Assad, tanto dentro como fóra de Siria. A corrupción era xeneralizada e Assad gobernaba con man moi dura apoiándose sobre todo na minoría xiíta (os alauítas). Assad non lograra restabelecer a paz despois da guerra civil. A metade da poboación fora desprazada ou fuxira ao estranxeiro.

 Gran parte do país non estaba baixo o seu control. En 2018 Rusia chegou a unha reconciliación cos distintos grupos rebeldes, pero Assad ignorouna ao cabo duns meses. Encarcerou a moitas persoas e suprimiu a autonomía que dera ás cidades pequenas, onde a poboación se sentía segura.

 Iso debilitou a posición militar de Assad. Ademais, os continuos bombardeos israelís de instalacións militares en Siria debilitaran enormemente as capacidades loxísticas e materiais das forzas armadas sirias.

 Pola súa banda, os diversos grupos xihadistas podían contar co apoio de Turquía, Israel e os Estados Unidos.

Os aliados abandonan a Assad

 Todo isto significaba que o goberno de Assad só podía resistir grazas ao apoio de Rusia, Irán e Hezbolá.

 Siria é moi importante para Rusia desde o punto de vista estratéxico debido ao único porto que ten no Mediterráneo. Mais coa guerra en Ucraína, Rusia estaba menos capacitada ou disposta a axudar militarmente a Siria.

 Pero o que contribuíu en gran medida a esta situación foi o enfraquecemento de Hezbolá e Irán en Siria. Os bombardeos israelís dos últimos meses interromperan e danaran totalmente a loxística iraniana, o que minguou a capacidade de Irán de despregar tropas para defender o goberno sirio.

 Os combatentes de Hezbolá víronse obrigados a regresar ao Líbano. Sen o apoio das milicias xiítas de Irán e tampouco as de Hezbolá no Líbano, Assad non se puido manter e Siria caeu en mans dos ben armados combatentes xihadistas organizados liderados por Hayat Tahrir al-Sham (HTS).

Fragmentación da oposición

 Os grupos da oposición que derrocaron a Assad están profundamente divididos. O único que comparten as tres faccións principais (Hayat Tahrir lo-Sham, HTS, o Exército Nacional Sirio, ENS, proturco e os rebeldes do sur) é un inimigo común: Assad.

 HTS, un grupo xihadista, ten pouco en común coas faccións islamitas máis heteroxéneas do ENS e os rebeldes do sur. Estes grupos, á súa vez, están formados por un mosaico de faccións internas que se enfrontan regularmente entre si.

 Non existe coordinación nin estrutura xeral entre estes grupos. Esta falta de unidade fai improbábel unha transición pacífica ou unha repartición estábel do poder.

 A antiga coalición da oposición siria (CNS) é case irrelevante, mentres que o poder reside agora nos líderes locais e as milicias dos suburbios pobres e as zonas rurais.

Implicacións xeopolíticas

 A caída de Assad ten importantes implicacións rexionais. Turquía obtivo unha vantaxe estratéxica ao reforzar a súa influencia no norte de Siria.

 Para Rusia e Irán, que apoiaron a Assad durante anos, a súa caída supón unha gran derrota.

 As consecuencias son especialmente graves para Irán, que teme que estes acontecementos tamén desestabilicen O Líbano e que Hezbolá sexa o próximo obxectivo.

 Hai, ademais, a ameaza dunha maior inestabilidade en Iraq, un país que é socio vital desde o punto de vista económico e estratéxico para Teherán. Se Irán perdese o control sobre Iraq, sería un duro golpe para a economía iraniana, que depende do comercio de petróleo a través de Iraq. Ademais, témese que rexurdan conflitos como os que levaron á guerra entre Irán e Iraq na década de 1980.

 A caída de Assad é para os Estados Unidos parte da súa estratexia para limitar a influencia iraniana na rexión e reforzar a Israel. O feito de cortar o chamado «eixo xiíta» (que vai de Irán ao Líbano, pasando por Iraq e Siria) supón unha vitoria para Washington e Tel Aviv.

 Israel está a reforzar a súa posición. Siria era fundamental para o fornecemento de armas a Hamás e Hezbolá. A caída de Assad é un duro golpe para ambos os movementos de resistencia. Israel está a aproveitar a oportunidade para destruír en gran medida as capacidades militares de Siria mediante intensos bombardeos e para ocupar parte do país coa posíbel intención de anexionalas.

 O futuro é incerto en Siria. Quizais haxa unha transición a un goberno estábel e democrático, aínda que é pouco probábel. Existe o perigo de que Siria caia nun caos prolongado, similar á situación en Libia, onde varias faccións disputan o poder.

Implicacións máis aló de Oriente Medio

 O acontecido en Siria tamén pode ter repercusións fóra da rexión, especialmente no Cáucaso Meridional. Tras a vitoria siria, Turquía pode verse tentada a dirixir a súa atención cara a Armenia e colaborar con Acerbaixán para crear un corredor terrestre entre Acerbaixán e o enclave turco de Najicheván, o que privaría a Armenia dun territorio fundamental. Isto suporía un verdadeiro reto estratéxico para Rusia, que xa está debilitada pola guerra de Ucraína e a derrota en Siria.

 Irán, que limita con Armenia e Acerbaixán, tamén pode reaccionar ante as ambicións turcas na rexión, dada a ameaza potencial que supoñen para a súa fronteira setentrional.

_____________________________________________________________________________

Fontes:

Fabrice Balanche : «La Russie et l’Iran ont douté de la capacité de Bachar al-Assad à restaurer son pouvoir»

Why Bashar al-Assad’s security state collapsed so dramatically in Syria

10 punten over de val van Bashar al-Assad’s Syrië

____________________________________________________________________________

Artigo orixinal: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2024/12/10/waarom-is-syrie-zo-snel-gevallen-en-wat-zijn-de-gevolgen-voor-de-regio/

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 16 de decembro de 2024]