Políticas públicas e salarios dignos para frear a carestía da vida
Atravesamos unha crítica situación económica e social que semella non ter remate. A inflación volve subir da man de novos incrementos dos prezos da electricidade, os combustíbeis e produtos de primeira necesidade, acelerando o aumento da pobreza da clase traballadora.
Confírmase a insuficiencia das medidas que os gobernos veñen tomando, así como a necesaria urxencia na aprobación das propostas que desde hai meses desde a CIG levamos reclamando para facer fronte a esta situación, agravada por unha inxusta guerra.
O recente cambio no goberno da Xunta e os anuncios feitos polo seu novo Presidente, Alfonso Rueda, advírtennos de que continuarán as peores políticas que desde o goberno Feixó se teñen adoptado contra o país e contra o pobo galego. Unha Galiza de emigración, avellentamento da poboación, privatización dos servizos sociais e dos servizos públicos. Unha Galiza asentada no turismo, camiño de Santiago, obscenamente exaltado por monarcas corruptos. Unha Galiza sen emprego e industria e obxecto dos intereses dos fondos de investimento e do capital que ven a oportunidade que lles dá un PP entregado á eucaliptización do noso país e á consolidación dun novo espolio dos nosos recursos enerxéticos, como vemos coa ofensiva eólica.
Toda unha realidade á que se suman as consecuencias da aprobación do duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas e severas exixencias da UE para acceder aos fondos europeos. Velaí a última reforma das pensións, con anuncios apocalípticos sobre o futuro destas para ameazar coas novas e crueis reformas. A nova reforma laboral que non só non derrogou as anteriores, senón que tampouco permitiu recuperar dereitos perdidos, nin conseguir novos. As novas modalidades de contratación están supoñendo unicamente unha actualización da precariedade laboral, antes materializada en contratos temporais e agora en contratos fixos-descontinuos ou en contratos a xornada parcial, entre outros. Reformas que causan máis desigualdade de xénero e non garanten os dereitos das mulleres.
Nesta ofensiva escoitamos de forma permanente os chamados ao Pacto de Rendas, que ten como obxectivo impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios. Mensaxes que só contribúen a que o capital aumente os seus beneficios a custa de estender a pobreza laboral e o empobrecemento xeneralizado das maiorías sociais.
Por iso, desde a CIG levamos meses chamando ao conflito na negociación colectiva para facer fronte a esta situación, como estamos a facer en varios convenios de sector galegos e provinciais.
Cómpre reaccionar e avanzar na loita para exixirmos medidas urxentes para que os gobernos actúen para frear os efectos devastadores dos altos prezos e poder ter unha vida digna.
Por iso a CIG ten convocadas, para o vindeiro día 15 de xuño, unha asemblea nacional de delegadas e delegados na que se abordarán estas cuestións e unha posterior mobilización polas rúas de Compostela para combater a quen pretende que a clase traballadora galega sexamos quen paguemos, máis unha vez, a crise.