Política Social segue financiando prazas nunha residencia privada sancionada por maltrato e neglixencia
A CIG-Administración Autonómica denuncia que un novo escándalo sacude o sistema de residencias privadas de maiores da Xunta de Galiza que, a través da Consellaría de Política Social, mantén aberta e financia unha residencia de maiores sancionada por maltrato e neglixencias.
A recente confirmación xudicial das sancións impostas á residencia “Nuestra Señora de Fátima” do Barco de Valdeorras por maltrato e neglixencias puxo ao descuberto unha grave crise no sistema de protección ás persoas maiores en Galiza.
A decisión da Xunta de manter aberta e financiada esta residencia, a pesar das evidencias dun funcionamento deficiente e da vinculación con actividades ilícitas publicadas en medios de comunicación no ano 2023, plantexa serios interrogantes sobre a responsabilidade das autoridades e das posibles consecuencias legais e políticas.
Falta de alimentación axeitada
A pesar de ter sido sancionada cunha multa de 38.000 euros, por graves irregularidades, entre as que se inclúe a falta de alimentación adecuada e a subxección ilegal dun usuario, a residencia “Nuestra Señora de Fátima” continúa operando con permiso da Xunta de Galiza. As inspeccións realizadas no 2019 e 2020 puxeron de manifesto un cúmulo de deficiencias no centro, que foron confirmadas polo Tribunal Superior de Xustiza.
Con todo, pasados xa catro anos das faltas, a Administración autonómica non só mantivo a autorización da residencia senón que ademais segue a financiar varias das súas prazas. Esta decisión resulta especialmente rechamante tendo en conta que a Xunta tivo que intervir o centro logo da morte de 17 persoas durante a pandemia da COVID-19.
Asemade, o ex-administrador da “Fundación Nuestra Señora de Fátima” denunciou publicamente a presunta vinculación deste negocio co sector do alterne.
Ante estes feitos tan graves, a CIG exixe á Xunta unha explicación detallada sobre os motivos polos cales permite a continuidade dunha residencia cun historial tan cuestionable. Solicita tamén que se revoque de inmediato a financiación pública a este centro e se realicen novas inspeccións para garantir a seguridade e benestar dos/as residentes do centro.