Política Social retira os cartaces críticos coa non cobertura dunha baixa na Escola Infantil de Vite
A sección sindical da CIG en Política Social critica a retirada dos cartaces de denuncia da non cobertura dunha baixa na EI de Vite, colocados na véspera, nos taboleiros de anuncios do edificio administrativo de San Caetano e no mobiliario que se utiliza habitualmente para dar a coñecer as demandas sindicais.
A representación da CIG salienta que até agora nunca acontecera nada similar cuns cartaces de denuncia deste tipo e a súa retirada por parte de persoal de confianza do gabinete de conselleira "supón unha discriminación sindical que limita o dereito de acción sindical, sen xustificación razoábel e obxectiva que poida amparar tal proceder".
Consideran que con esta acción o único que se busca é "calar e tapar a denuncia da sección sindical da CIG de que mentres non se contrata persoal axudante de cociña para suplir unha baixa na Escola Infantil de Vite, procédese a nomear a dedo e dunha forma escurantista á prima do presidente do PP".
Por iso, solicitan que se identifique que alto cargo de Política Social deu orde de retirar e romper os cartaces. "Resulta inxustificábel que o gabinete de confianza máis inflado de toda a Xunta de Galiza, composto por tres secretarias, un secretario, dous condutores, un xefe de gabinete, unha asesora parlamento, dúas asesoras e dous asesores sen especificar que funcións asesoran e un xefe de prensa, reciban a orde de buscar e reitar uns simples cartaces de denuncia sindical".
Porque mentres isto acontece en San Caetano, "o persoal de cociña de Vite a pesar da non cobertura da compañeira de baixa, vai seguir prestando os seus servizos, como un dos centros que ofrece a alimentación de máis calidade de Santiago e a máis comprometida coas produtoras locais".