Política Social "insire no paro" os/as traballadores/as dun centro especial de emprego de Ferrol
A FGAMT-CIG advirte que non vai consentir que os/as traballadores/as que viñan prestando o servizo de apoio á mobilidade para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia fiquen sen emprego, "porque a nova concesionaria non quere respectar a legalidade mentres a Consellaría de Política Social mira para outro lado".
Explica o secretario confederal de Emprego, Francisco Cartelle, que até agora na comarca de Ferrol, o servizo do 065 prestábao unha UTE integrada por empresas de transporte (que achegaban os vehículos) e un centro especial de emprego, COINCO, que puña o persoal e que conta con traballadores e traballadoras con capacidades diferentes.
No concurso público que comezará a operar o 1 de xaneiro de 2018, no que ten a ver coa comarca, o lote 3 foi adxudicado á UTE Monforte-Castromil-Rías Altas. Porén, a nova empresa comunicou a actual concesionaria do servizo a súa intención de non subrogar o persoal, "aínda que o convenio de aplicación (o de viaxeiras/os da provincia da Coruña ) conta cunha cláusula de subrogación", subliña Cartelle.
"A Consellaría insire a este persoal no paro"
Neste senso, explica que, para non asumir este persoal, a empresa alega que o convenio estabelece a subrogación só para as liñas regulares, cuestionando que o 065 entre nesta tipoloxía. "Dende a CIG entendemos que si entra e que polo tanto estes traballadores e traballadoras teñen dereito á subrogación". Advirte, ademais, que situacións semellantes se poden dar noutros servizos do país, polo que cualificou de "incomprensíbel" a pasividade da Consellaría de Política Social, de quen depende o contrato. Unha Consellaría á fronte da que, lembra, está o ex-alcalde de Ferrol, Xosé Manuel Rey Varela.
"Non deixa de ser unha situación extremadamente surrealista que un concurso público dependente Política Social e, en concreto, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, deixe sen emprego a persoas ás que en teoría debería buscar a súa inclusión social. Paradoxal e indignante. Está inserindo a estas persoas, pero no paro", denuncia Cartelle.
Por iso, demanda da Consellería "que non mire para o outro lado" neste asunto, pois facelo "suporía servir a intereses contrarios aos dunha administración pública que debe buscar a integración persoal e profesional das persoas con capacidades diferentes".
Dereito de subrogación
Desde a Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións da CIG (FGAMT-CIG) esixen da administración galega que cumpra coas súas obrigas e faga valer, apoiada en argumentos xurídicos e políticos, a subrogación do persoal que actualmente vén traballando no servizo de apoio á mobilidade funcional.
"A CIG non vai consentir que a posición carente de sensibilidade e de respecto á legalidade da nova UTE concesionaria do servizo (pertencente ao grupo MONBUS ), e a falta de actuación da Consellería de Rey Varela deixe, sen máis, a este persoal na rúa. A central sindical vai emprender as accións, tanto legais como sindicais, que considere oportunas para darlle unha xusta solución a esta situación", asevera o secretario confederal de Emprego da CIG.