Política, institucións e loita obreira

Manuel Mera - 26 Feb 2024

Todo fai pensar que o aumento do voto nacionalista se debeu esencialmente á práctica reivindicativa, combativa e respectuosa nas formas, a prol da defensa de Galiza, da nosa identidade, cultura, lingua... da xustiza social, do ecosistema, e da igualdade entre xéneros e persoas de toda orixe, e a unha boa xestión dos recursos públicos

 Mesmo que o PP revalidase na Xunta de Galiza, co que iso implica de manter medidas negativas para as clases populares, os resultados das eleccións autonómicas ademais implican para as organizacións nacionalistas en xeral, e para ao BNG en particular, un fortalecemento como forzas alternativas. Agora ben, a medra da fronte nacionalista non se debe só a que fixese unha boa campaña e presentase os candidatos/as axeitados, e teña acumulado décadas de apoio a loitas reivindicativas no eido social, laboral, cultural, ecolóxico, de igualdade de xénero... senón ademais porque ficamos nun contexto económico e político onde a socialdemocracia (nas súas distintas versións) non dá unha resposta á crise, á medra da desigualdade e marxinalidade, xa que busca superar as contradicións con medidas parciais nesta etapa dun capitalismo senil.

 Fagamos algunhas reflexións despois destas eleccións autonómicas:

 1) O Partido Popular esta aínda moi consolidado na Galiza cun voto tanto rural como urbano. Segundo as enquisas, moi forte na poboación de máis de 60 anos. Dise que tamén o votan traballadores/ras por conta allea e persoas cun baixo poder adquisitivo, é lóxico xa que apaña a metade dos votos do país, mais como todos/as sabemos ten unha maior incidencia naquelas persoas con maiores ingresos, sexan empresarios/as, autónomos/as ou con categorías profesionais e cargos no ámbito do sector público e a empresa privada. Nestes últimos segmentos da poboación o seu competidor sempre foi o PSOE xa que pon o acento en medidas de protección as sectores máis excluídos sen cuestionar en serio o subimperialismo, un capitalismo na súa etapa senil, e polo tanto a centralización e concentración da riqueza e do poder (non é casual que durante a etapa de Felipe González se privatizasen unha morea de empresas públicas).

 2) A caída en votos do PSOE, uns 50 mil, un 20% dos que obtivo nas eleccións do 2020, contrastan co seu peso no ámbito local, nas cidades e vilas, e os resultados nas eleccións xerais, máxime cando nestas autonómicas se reduciu a abstención. Unha parte do voto perdido sen dúbida foi á abstención pola oposición interna á lei de amnistía, en fin, e algúns serían recollidos polo BNG, o mesmo se podería dicir respecto de Sumar. En todo caso semella que o PSOE ten un problema, as eleccións europeas permitirán ver até que punto se consolida esta tendencia descendente. O primeiro paso positivo destes resultados é que resulta evidente que o partido terá que poñer máis énfase na problemática galega e gañar unha maior autonomía do aparello central en Madrid e unha actitude reivindicativa, se quere recuperar apoios.

 3) Sumar e Podemos ficaron sen representación. Hai tres razóns para que fose así, para alén dunha presenza mediática, especialmente de Sumar, coa obxectivo do poder de frear o ascenso do BNG. Estas son: o conflito a nivel do Estado español entrambas as forzas cunha importante repercusión nos medios, neste caso interesados en escenificar a debilidade do Executivo; a falta dunha estrutura organizada e activa na conflitividade social e política en Galiza; e o apoio de Anova ao BNG, perdendo así tanto Podemos como Sumar en boa parte a ligazón coa problemática nacional galega.

 4) No ascenso do BNG contribuíu, para alén dunha boa campaña, da listaxe de candidatos/as e da referencialidade de Ana Pontón (proposta como presidenta), ao feito de que na conciencia colectiva a fronte, e outras forzas do movemento nacional democrático e popular, ademais de facer propostas estiveron na práctica desde a súa orixe apoiando as accións reivindicativas das clases populares. Fixérono non só levando propostas ao Parlamento (galego, estatal e da Unión Europea, e do ámbito local e provincial) senón coa súa presenza activa nas mobilizacións, folgas e todo tipo de accións reivindicativas. Tampouco se pode ignorar que por parte da dereita se sementou na campaña o alarmismo polo que implicaría de inestabilidade e confrontación unha presidenta nacionalista, nunha Xunta de Galiza con maioría do BNG.

 Ademais, desde o sistema pretendese alimentar a división interna no BNG, e transmitir aos votantes e militantes unha lectura interesada do éxito electoral da fronte, afirmando que este avance se debeu a moderar o discurso e limitar os obxectivos do BNG, aceptando o sistema con algunhas reformas. Mais todo indica que o aumento en máis de 150 mil votos, cando menos 100 mil se deberon a novos/as votantes. Así o amosa a diminución da abstención, e as enquisas previas xa lle deran un 40% dos votos dos menores de 40 anos (o dobre que ao PP). Outro aspecto a ter en consideración é que nos concellos da Ría de Vigo o BNG fose a primeira forza. Neste caso trátase da maior zona industrial de Galiza, cunha clase traballadora moi mobilizada, onde a CIG é a primeira central sindical, que ademais acadou un aumento importante de delegados e delegadas nas eleccións que acaban de rematar. Isto hai que sumalo a que a fronte nacionalista goberne en concellos como Moaña, Cangas e Soutomaior. Polo tanto todo fai pensar que o aumento do voto se debeu esencialmente á práctica reivindicativa, combativa e respectuosa nas formas, a prol da defensa de Galiza, da nosa identidade, cultura, lingua... da xustiza social, do ecosistema, e da igualdade entre xéneros e persoas de toda orixe, e a unha boa xestión dos recursos públicos.

 

[Galiza, 26 de febreiro de 2024]